Requeijo solicita o apoio da Xunta para o relanzamento da Marca Muras que apoiará a produción agrogandeira

O alcalde de Muras, Manuel Requeijo, mantivo esta mañá unha reunión coa Conselleira de Medio Rural, María José Gómez, para abordar diferentes aspectos relacionados co sector gandeiro.
Requeijo expúxolle á conselleira os avances realizados nos últimos meses na creación da Marca Muras. O proxecto, que o Concello está a desenvolver coa colaboración da área de Rural da Deputación de Lugo e da USC, encara unha nova fase centrada en accións de formación e asesoramento dirixidas ás producións locais, e na busca de financiamento e colaboración en diferentes niveis.
Requeijo solicitou o apoio da Consellaría para a validación e o lanzamento da marca, que articulará o apoio e promoción da produción agrogandeira no municipio, fundamentalmente carne de vacún, poldro, horta e mel, e o impulso de iniciativas de transformación e valorización.
O alcalde tamén demandou a colaboración da Consellaría de Medio Rural cos cargadoiros de poldros e gando de vacún promovidos polo Concello para centralizar en Muras a pesaxe e transporte dos animais aos cebadoiros, facilitando a xestión directa da venda por parte dos gandeiros e gandeiras da contorna.
Requeijo compartiu o traballo desenvolvido polo goberno municipal no posicionamento de Muras e do Xistral como referente na produción gandeira e apícola con dúas citas consolidadas como Feira do Poldro e Gando de Monte e a Feira do Mel do Viveiró, para as que solicitou a colaboración da Consellería.
Ademais, o alcalde solicitoulle a María Xosé Gómez que se amplíe a cobertura de axudas para novas incorporacións e plans de mellora da Xunta de Galicia que, coa configuración actual, teñen un escaso impacto nun concello que conta con 140 producións, na súa maioría familiares e de pequenas dimensións, que funcionan como actividade complementaria.
Requeijo tamén lle trasladou á Conselleira a preocupación das gandeiras e gandeiros polo impacto nos prezos do acordo UE-Mercosur, que afectará especialmente ás producións de carne, maioritarias no municipio.