Requeijo acusa a PP e PSOE de torpedear os avances dos últimos anos en Muras
"Se gobernara o PP en Muras, eliminaría estas axudas, porque eles só están para defender ás grandes compañías eléctricas, fixérono toda a vida, e agora contan co apoio socialista. vou a resolvelo antes de finalizar o ano, dun xeito ou doutro, porque non vou permitir que os veciños e veciñas e o estudantado paguen os pratos rotos desta alianza PP-PSOE en Muras", di o alcalde.
O BNG referiuse hoxe ás declaracións feitas tanto pola portavoz do PP como do PSOE en Muras. Así, o alcalde Manuel Requeijo manifestou que "a falta de experiencia e a nula capacidade de entender como funciona unha administración local, levan á oposición a realizar declaracións propias de quen está abstraído da realidade e só pensa en facer mal. Manifestar que “agora temos máis voz que nunca” co peor resultado da historia dun partido ou “que hai alcaldes galegos que non cobran salario”, cando os alcaldes do PP están sempre no ranking dos que máis cobran, é querer tratar á veciñanza de Muras por parva" sinalou.
"A portavoz do PP fala de humildade política e de que a súa palabra vale moito, cando se demostrou no xulgado que traballou no concello por enchufe co anterior alcalde do PP, polo que foi condenado e cando cambia constantemente de criterio segundo vire o vento. A incoherencia e a falla de iniciativa da oposición, mantén ao PP e ao PSOE nunha encrucillada de intereses escuros e dálles igual o bloqueo do pleno de Muras, sendo os únicos prexudicados os veciños e veciñas de Muras. Os dous partidos, ao unísono piden consenso e diálogo, mais levamos xa moitas comisións, plenos e reunións feitas nas que se poden propoñer alternativas, pero elas calan e abstéñense para chegar ao pleno e votar en contra de todo, son como o can do hortelán que “nin come, nin deixa comer” explicaron desde o BNG.
O alcalde declarou que “o concello de Muras nunca deixou de funcionar, e ningún veciño deixou de ser atendido, a pesar dos esforzos do PP e do PSOE, para que eu non me dedique integramente ao concello. Nunca tantos servizos públicos houbo grazas ao goberno do BNG, a pesar das políticas do Partido Popular de acabar cos servizos sociais e coa sanidade pública desde a Xunta de Galiza”. "Que lle explique a portavoz do PP ás veciñas e veciños de Muras cales foron os investimentos da Xunta todos estes anos no noso concello, xa llo digo eu: cero euros para Muras", salientou Requeijo.
O rexedor engadiu que “os alcaldes estamos activos as 24 horas, que falen con algún mandatario dos seus partidos, que se informen e que lles pregunten que lles parece o que están facendo en Muras, seguramente leven unha sorpresa, porque estes días recibín o apoio e ánimo de colegas seus da contorna”, expresou.
O alcalde nacionalista manifestou que “as axudas da luz, dos estudantes e das asociacións, penso solucionalo antes de finalizar o ano, dun xeito ou doutro, porque a veciñanza elixiume a min, non a elas, para solucionar os problemas do concello, por moito que ao PP e ao PSOE lles proia" sinalou Requeijo.
Por último indicou que “levo 8 anos de alcalde, cunha dedicación do 75%, cotizando menos e perdendo cartos, porque no meu traballo gañaba moito máis. Sei que os veciños e veciñas valoran positivamente este esforzo e así o expresaron nas eleccións e por iso queren que eu siga á fronte do concello. As portavoces do PP e do PSOE non me van dar agora ningunha lección de dignidade política, están perdidas no seu afán por rematar coas políticas transformadoras que practica o BNG, por iso só lles vale a mentira e o engano, alá elas e a súa conciencia con este pacto. E quero lembrar que teñen a cara dura como un zapato e moi, moi pouca vergoña, porque o que non dubidaron nin un minuto foi en aprobar a subida dos cartos para elas por ir a plenos e comisións, que o saiba toda a veciñanza, diso elas non falan. Está claro que o que lles vai para o peto si que o defenderon ben”. "Que non lle caiba dúbida ás veciñas e veciños de Muras: este alcalde e o BNG van seguir defendendo os intereses da veciñanza deste concello por moito que o PP e o PSOE intenten torpedear. Desde o BNG non imos permitir que por intereses partidistas e persoais o PP e o PSOE boten por terra todos os avances conseguidos para Muras nos últimos 8 anos" concluíu o alcalde, Manuel Requeijo.