Restablecido en Barreiros o servizo de pediatría, segundo indica o alcalde

TerraChaXa | AMariñaXa
En Barreiros quedou restablecido o servizo de pediatría, segundo deu a coñecer  o alcalde, Alfonso Fuente, que lembrou que foi posto en marcha en 2011 cun goberno do PP á fronte da Xunta de Galicia.
4 Feb 2019

En Barreiros quedou restablecido o servizo de pediatría, segundo deu a coñecer  o alcalde, Alfonso Fuente, que lembrou que foi posto en marcha en 2011 cun goberno do PP á fronte da Xunta de Galicia.
O rexedor explicou que “no día de onte en Barreiros quedaba restablecido o servizo de pediatría. Xa hai un pediatra para atender os nenos e nenas do noso concello e a semana que vén continuará este profesional prestando o servizo; despois esperamos que se incorpore a pediatra que estaba neste centro médico”.
Fuente Parga contou que “falei persoalmente co xerente da Área Xestión Integrada da provincia de Lugo, Ramón Ares, e confirmoume que, a pesar dos poucos facultativos de pediatría que hai, conseguiron cubrir este servizo e esperan que as carencias que poida haber sexan as mínimas posibles tendo en conta este feito. Dende onte xa pasaba consulta o pediatra no centro médico de Barreiros, que seguira a próxima semana e ata que se reincorpore a facultativa que está habitualmente”.
O alcalde tamén aludiu a que este asunto se abordou no pleno celebrado no Concello hai uns días: “como a oposición no último pleno insistiu moito neste feito, aproveito para recordar que este servizo de pediatría se puxo en marcha no centro médico de Barreiros no ano 2011, gobernando xa o Partido Popular na Xunta. Un servizo que naquel momento entendemos que era importante, dado que somos un concello de 2.900 habitantes que contamos cunha gardería municipal e poucos municipios de Galicia con esta poboación teñen unha instalación deste tipo. Polo tanto desde o equipo de goberno do Concello de Barreiros temos claro que queremos protexer, coidar e dar todos os servizos aos nosos nenos e nenas do concello. Primeiro coa gardería e loitamos naquel momento, no 2011, por ter o servizo de pediatría. E quero recordarlle á oposición, como xa o fixen no pleno, que evidentemente se agora se estaba debatendo se se cubría ou non o servizo era porque se puxo gobernando o Partido Popular na Xunta atendendo á solicitude deste equipo de goberno”.
Alfonso Fuente Parga lembrou: “Pero entre o anos 2005 e 2009, cando gobernou o bipartito na Xunta, non puxeron en marcha este servizo no centro médico de Barreiros, polo que parece que para eles non era moi importante este servizo naquel momento, porque entre os anos 2005 e 2009 xa había nenos e nenas no concello e xa estaba funcionando tamén a gardería municipal. Pero eles parece que non entendían que fora necesario o pediatra no noso centro médico. Sen embargo pouco a pouco foise mellorando o servizo asistencial que se presta no centro médico, a pesar das críticas á política sanitaria do Partido Popular que seguen verténdose desde a oposición; imaxino que o fan porque estamos preto dunhas eleccións”.

0.16065979003906