Retirada de chicles do chan en Burela da man das monitoras de Gaia
As monitoras de Gaia, do Concello de Burela, estiveron a tarde do pasado venres na Praza da Mariña realizando unha actividade que consistía en quitar os chicles do chan. Cunha espatula e spray "animamos a pequenos e maiores a que nos axudasen a quitar chicles. Os chicles tardan uns 5 anos en desaparecer do chan, ensucian e afean o pobo, dan moito traballo, leva moito tempo e ten un custo importante", explican desde Gaia.
Desde a Concellería de Medio Ambiente engaden: "estamos intentando concienciar do importante que é non tirar o lixo ao chan, do importante que é recoller os excrementos dos cans, reciclar...son actitudes que non custan nadan e que axudan a ter un mundo mellor, máis limpo e sostible".
Á Praza da Mariña tamén acudiron os rapaces e rapazas da Asociación Camiña "que viron no facebook de Medio Ambiente a actividade que íamos facer, e viñeron a axudarnos e a colaborar", sinalan desde Gaia.