Retirada nas Pontes a antiga pasarela sobre o río Eume
O Concello das Pontes retirou onte a antiga pasarela peonil sobre o rio Eume, que será substituída por unha nova estrutura que permitirá minimizar o impacto visual, segundo as especificacións de Patrimonio e adaptada ás medidas de accesibilidades vixentes.
O proxecto, cun orzamento de 168.441 euros con cargo á Deputación da Coruña, ten como obxectivo mellorar a accesibilidade e mobilidade no casco urbano e garantir, deste xeito, unha mellor calidade de vida entre toda a veciñanza.
Sobre a nova estrutura, formada por unha cercha tridimensional metálica de aceiro, instalarase unha plataforma peonil con acabado en tarima de madeira tecnolóxica, minimizando a pendente da antiga pasarela e creando unha zona de tránsito máis ampla, cómoda e segura, de dous metros de ancho, para os peóns.
A cercha contará con diversos reforzos estruturais metálicos e outros elementos modulares, coas mesmas características que a zona de tránsito, para evitar torsións e soportar as varandas da pasarela peonil.
Por outra banda, para protexer a estrutura procederase ao tratamento anticorrosivo de galvanizado e posterior pintado, que permitirá potenciar unha imaxe de unidade e lograr a perfecta integración coa contorna. Asemade a actuación tamén contempla a instalación de alumeado led en liña e de mobiliario urbano así como alumeado indirecto sobre a ponte de Isabel II.