Retoman as escavacións e as visitas guiadas no Castro de Saa

A Pastoriza volverá acoller este verán visitas comentadas ás escavacións arqueolóxicas do Castro de Saa, no marco da campaña 2025. Isto é así xa que deu comezo unha nova campaña de escavacións co obxectivo de seguir desvelando o que oculta este antigo castro, que estarán dirixidas por Emilio Ramil, de AxaArqueoloxia, que foi o encargado de levar a cabo a maior parte das campañas anteriores.
Esta nova actuación céntrase, tal e como informaron desde o equipo de investigación, en desvelar a entrada do castro, sacando á luz os torreóns da entrada. A última intervención tivo lugar no mes de xullo do ano pasado.
As visitas desta nova etapa, abertas a toda a poboación, están programadas para os días 18 e 25 de xullo e 9 de agosto, todas ás 12:00 horas e punto de encontro será a entrada do castro.
A actividade, de carácter gratuíto, non require inscrición previa e terá como punto de encontro a entrada ao castro. Os asistentes poderán coñecer de primeira man os avances dos traballos arqueolóxicos e afondar na historia deste importante xacemento.
Esta iniciativa enmárcase dentro do programa de difusión do patrimonio cultural promovido pola Xunta de Galicia, AXA Arqueoloxía e o Concello da Pastoriza, co obxectivo de achegar a arqueoloxía á cidadanía e poñer en valor o legado histórico da comarca.