Retoman nas Pontes o programa Xoves na Biblio cunha actuación para bebés
A biblioteca das Pontes inicia o 2025 retomando o ciclo Xoves na Biblio. Durante todo o mes de xaneiro, acollerá unha serie de actividades pensadas para estimular a creatividade, o interese pola lectura e a cultura entre os máis pequenos e as súas familias.
A programación arrancará este xoves 9 de xaneiro cunha sesión dedicada aos máis pequenos, de 0 a 3 anos, titulada Babá-Bebé a cargo de A Xanela do Maxín. O ciclo continuará coas propostas Contos Musicados, da man de Bolboreta, o día 16, e Barquiño de Pau, a cargo de Charlatana, o xoves 23. Ambas as actividades están dirixidas a nenos e nenas a partir de 3 anos.
Para pechar o mes, o 30 de xaneiro ofrecerase o obradoiro de lettering Debuxar Letras, impartido por Alba Farto, destinado a rapaces e rapazas maiores de 6 anos. Tanto este obradoiro como a sesión para bebés do día 9 serán nas instalacións da biblioteca. As outras dúas actuacións terán lugar na Casa Dopeso.
Este ciclo, organizado polo Concello das Pontes en colaboración co programa municipal de cultura e a Biblioteca, busca fomentar a participación das familias en actividades educativas e culturais, ademais de fortalecer o vínculo coa lectura e a expresión artística. As sesións terán lugar a partir das 18:00 horas e estarán abertas á cidadanía.