Retómanse as obras na avenida de Galicia das Pontes logo do parón das intensas choivas

TerraChaXa
O proxecto permitirá completar a transformación integral da principal vía do municipio, consolidando a rehabilitación, humanización e mellora da accesibilidade
obras-avenida-de-galicia-as-pontes
25 Feb 2026

As obras da cuarta fase do proxecto de renovación de pavimentos e servizos na Avenida de Galicia reanudáronse esta semana tras a paralización durante os últimos meses motivada polas condicións climatolóxicas adversas, especialmente polas intensas choivas rexistradas desde decembro de 2025.

O proxecto, financiado integramente pola Deputación da Coruña a través do POS (Plan de Obras e Servizos) cun orzamento de 277.173 euros, permitirá completar a transformación integral da principal vía do municipio, consolidando a rehabilitación, humanización e mellora da accesibilidade iniciadas nas fases anteriores, incluída a renovación da Praza do Hospital.

Durante os traballos levados a cabo, elimináronse desniveis entre a calzada e as beirarrúas, mellorouse a iluminación pública coa instalación de novos farois e captafaros LED nos pasos de peóns, separouse a rede de drenaxe de augas pluviais da rede de saneamento, renovouse o firme e as beirarrúas con materiais estéticos e funcionais, e substituíronse as varandas por outras de aceiro inoxidable.

Na zona de rodadura e aparcamentos aplicarase formigón bituminoso, e nestes días executarase a impresión do aglomerado con acabado decorativo. A intervención completarase coa finalización de parte da balaustrada, a instalación de papeleiras, bancos, xardineiras, alcorques para árbores e a reposición da sinalización vertical e horizontal.

O Concello asegura que o proxecto culminará nunha Avenida de Galicia máis accesible, segura e moderna, e pide desculpas polas molestias ocasionadas aos residentes, comerciantes e veciños durante este período, agradecendo a súa comprensión e paciencia.

0.12350392341614