Retómanse os traballos de escavación no Castro de Viladonga

TerraChaXa
O equipo de arqueólogos que traballan no Castro de Viladonga retomaron os traballos da campaña de escavación 2019-2020, unha campaña que está aportando datos moi interesantes sobre a secuencia cronolóxica do asentamento, aproximando o castro aos mil anos de ocupación.
IMG_20200615_103112+1
17 Xuño 2020

O equipo de arqueólogos que traballan no Castro de Viladonga retomaron os traballos da campaña de escavación 2019-2020, unha campaña que está aportando datos moi interesantes sobre a secuencia cronolóxica do asentamento, aproximando o castro aos mil anos de ocupación.

Os traballos estanse centrando sobre unha superficie duns 830 metros cadrados no sector nordés da croa, que inclúe as estruturas localizadas durante a campaña do pasado ano. Lévanse a cabo traballos de investigación, documentación, escavación, consolidación e acondicionamento do xacemento, ampliando a área de intervención coa finalidade de favorecer o seu estudo, de garantir a súa conservación e protección, e conseguir a súa posta en valor e mellor comprensión e visibilidade por parte do público que visite este xacemento.

O proxecto recolle unha área de arredor de 170 metros cadrados de escavación arqueolóxica nova, e tamén se procederá á escavación ata a rocha nai do espazo interior do monumental alxibe que abastecía de auga ao poboado castrexo, atopado durante os traballos do pasado ano. A continuación consolidaranse todos os elementos, tanto o alxibe, estruturas circulares anexas e o empedrado que saíron á luz no 2018 como as que poidan aparecer nesta intervención.

Xunto a esta actuación principal tamén se levará a cabo a escavación e restauración dun tramo de 50 metros cadrados do lenzo interior da muralla que defende a croa do castro. Igualmente, realizarase a roza e limpeza de vexetación do xacemento arqueolóxico nunha superficie aproximada de 3 hectáreas, incluíndo a croa, antecastros, murallas, parapetos e fosos. Así mesmo, quérese difundir entre a cidadanía os traballos que se van realizar mediante diferentes accións de divulgación.

O ALXIBE

O alxibe, un gran depósito para abastecemento de auga parcialmente soterrado, apareceu durante a campaña de escavación e restauración de 2018, traballos executados por Terra Arqueos e dirixidos por Miguel Ángel López Marcos quenes seguen a fronte desta campaña. Cronolóxicamente pertence ás fases prerromanas do asentamento e, de feito, a muralla que actualmente se conserva foi, en parte, levantada sobre el.

No 2018, a súa escavación supuxo un esforzo descomunal e un exemplo de determinación imprescindible en calquera proxecto arqueolóxico de envergadura. Só naquela campaña e nesta pequena área, movéronse 120 toneladas de pedra. O resultado foi un espazo semisoterrado de 70 m2 de superficie e 4 de fondo, co nivel inferior do vaso escavado no substrato, emparedado e delimitado por muros con fortes alicerces. A cubeta, na parte superior, amosa unhas dimensións de 10 x 6 m, diminuíndo, en efecto funil, ata un ancho de só 1,5 m. no vaso inferior. Facendo unha estimación aproximada da súa capacidade, este depósito podía conter ata 150.000 litros de auga, segundo os investigadores.

Unha construción como esta, cando entra en desuso, non ten ningunha posibilidade de sobrevivir, polo que o esborralle e e derrube do alxibe foi rápido e completo. Como consecuencia, a súa escavación resulta hoxe, dende o punto de vista técnico, moi esixente e complexa, e debe facerse con moito coidado para non perder datos sobre as partes máis sensibles: as evidencias do sistema de cubrición, os restos das plataformas e chanzos de servizo / mantemento ou os propios muros da superestrutura.

A súa adscrición a niveis prerromanos demostra que a Viladonga da Idade do Ferro foi un asentamento potente e de entidade, pero tamén racha cos falsos mitos da "pobreza" e o "atraso" das comunidades castrexas antes da súa integración no mundo romano.

A VILA ANTIGA

A trama urbanística da croa de Viladonga, no seu momento de esplendor, foi un abigarrado escenario de cabanas multiformes, calellas cegas e rúas empedradas. Unha destas é a que saíu á luz na escavación do sector Nordés. Unha verea perimetral que, ao estilo das vías sagularis campamentais, permitía o tránsito polo bordo da masa construída. Por riba, e sempre  á vista, dexergaba o adarve fortificado.

"A estrutura que nos apareceu tivo que ser moi fermosa. Estaba coidadosamente empedrada e abríase, como un abano, aos soportais que vivían á beira da muralla. Pero eu non podo deixar de pensar nelas, nas mulleres e nenas que baixaban chanzos para ir ao alxibe, fortes brazos amarrando aquelas inmensas sellas de barro, auténticas historias perdidas nos regueiros dos patíns", explican os expertos.
IMG 20200605 WA0001
IMG_20200603_122130
0.19326400756836