Retómase o programa Xoves na Biblio este mes de febreiro cunha proposta para público familiar

O Concello das Pontes, coa colaboración da Deputación da Coruña e o programa Ler Conta Moito, presenta unha nova edición de Xoves na Biblio, a iniciativa cultural que se celebra todos os xoves e que continúa este mes de febreiro.
O día 6 celebrarase na Casa Dopeso a sesión Un libro aberto, unha proposta para público familiar con entrada libre. A semana seguinte, o día 13, tamén na Casa Dopeso, terá lugar a actividade Buscando a Rosalía, un contacontos pensado para nenos e nenas a partir de 3 anos.
O día 20 será a vez do obradoiro Un libro e unha vaca: obradoiro arredor do libro, a cargo de Patasdepeixe, que terá lugar na Biblioteca Municipal e estará destinado a nenos e nenas maiores de 6 anos. Para participar, será necesario realizar unha inscrición previa. Por último, o 27 de febreiro, Pablo Díaz levará á Casa Dopeso o espectáculo musical Novas e vellas melodías, unha actividade aberta ao público familiar e tamén con entrada libre.
Xoves na Biblio reafirma o compromiso do Concello das Pontes coa promoción da cultura e a lectura como ferramentas fundamentais para o desenvolvemento comunitario. Todas as actividades están deseñadas para que veciños e visitantes poidan gozar dunha programación variada, de calidade e para todas as idades.