Reúnese en Galicia o comité de seguimento do programa do Fondo de Transición Xusta de España

Galicia reúne estes días ao comité de seguimento do programa do Fondo de Transición Xusta de España para avanzar no apoio aos territorios afectados pola transición enerxética
A Xunta de Galicia organizará, deste xeito, a sexta reunión do Comité de seguimento do Programa do Fondo de Transición Xusta de España 2021–2027, que terá lugar hoxe xoves, na Sala de Plenos do Consello Económico e Social de Galicia, e contará coa presenza do director xeral de Cohesión e Fondos Europeos, Ángel Tarrío, xunto con representantes da Comisión Europea, da Dirección xeral de Fondos Europeos do Ministerio de Facenda que preside o Comité, das comunidades con territorios de transición xusta e co Instituto para a Transición Xusta. Ademais da presenza de representantes doutros fondos europeos e das organizacións máis representativas nos eidos económico e social.
Cómpre recordar que o Fondo de Transición Xusta ten como finalidade apoiar aos territorios afectados pola transición cara á neutralidade climática e conta cunha cofinanciación europea de 868,7 M€ para España, dos que a provincia da Coruña ten asignados o 12,8% (111,4 M€), para financiar, principalmente, proxectos de descarbonización e renovación industrial, proxectos empresariais que xeren actividade económica e emprego, así como iniciativas de formación, cualificación e inserción laboral. Os concellos da provincia de Lugo dentro do programa son Muras, Xermade e Vilalba, xunto a As Pontes.
O encontro compleméntase cunha visita á zona de transición xusta de Meirama, que contará coa presenza dos representantes municipais da zona. Posteriormente, visitarase o museo da minería e o lago das Encrobas e expoñeranse dous proxectos financiados con estes fondos na Coruña: Activa Verde, presentado polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, sobre a creación de recursos de fomento da inserción laboral; e un proxecto das empresas beneficiarias da convocatoria do Instrumento Financeiro impulsado polo IGAPE.