Reunión en Meira para abordar os retos da xestión forestal na comarca

As persoas propietarias de monte da comarca están convocadas a unha reunión aberta este mércores, 28 de maio, ás 21:30 horas, na Casa da Cultura de Meira. O encontro ten como obxectivo tratar diversos asuntos relacionados coa situación actual dos montes e procurar vías para facer chegar as propostas da veciñanza ás administracións.
Entre os temas a tratar inclúense a moratoria do eucalipto na comarca, o futuro das manchas de piñeiro, as faixas de protección dos núcleos poboacionais, as taxas municipais para a extracción de madeira ou a prohibición de uso das pistas forestais no concello de Riotorto durante seis meses ao ano.
A convocatoria está organizada polas persoas propietarias de monte da comarca, e conta cunha invitación especial ás asociacións veciñais, que están chamadas a participar activamente neste foro de debate e proposta.
A reunión está aberta a calquera persoa interesada e tamén permitirá poñer sobre a mesa outros asuntos relevantes relacionados co aproveitamento forestal e a protección do medio.