Reunión en Muras para explicar o proxecto Catastral A Finca
O Concello de Muras foi elexido o único concello galego para facer a revisión catastral A Finca. O Catastro contra o reto demográfico. Este proxecto piloto traballará nunha mellora catastral complicada e necesaria en Muras, e na que se leva traballando cinco anos. O obxectivo do mesmo é a identificación das parcelas catastrais e inmobles do rexistro da propiedade, regularizando a situación.
Para presentar este proxecto aos veciños, convocouse unha reunión informativa este xoves, 19 de maio, ás 11.30 horas, no local social do Concello de Muras.
Dentro deste programa traballarase en diferentes puntos como a coordinación das administracións para evitar papeleo; a publicidade do proxecto e do seu procedemento co cidadán e as administracións; a identificación no territorio dos inmobles inscritos; a identificación do dominio público; o axuste do parcelario; a actualización das direccións postas e inscricións correctas no Rexistro; a depuración das titularidades en investigación, en secuenciais ou falecidos; a identificación de terras en desuso e marxinais; a atención ao público dende o comezo do procedemento, e a resolución de todos os expedientes, alegacións e recursos que se presenten durante o proxecto.
Ao abeiro deste programa, o pasado 25 de marzo o concello recibiu a visita do xerente do Catastro, a responsable da Contribución Rústica do Catastro, o responsable de Informática e a responsable de Urbana.
"O papel dos concellos é crucial neste proceso, e tras a final do proxecto os titulares dos inmobles terán datos depurados e actualizados co axuste parcelario ben feito. As tramitacións e inscricións sempre serán de balde e ao final o titular poderá descargarse certificacións sobre os seus inmobles", explican dende o Concello.
Avanzaron tamén que levarán a cabo o proxecto ao completo e comezarán por constituír unha xunta pericial para levar adiante este proxecto co que se pretende unha coordinación entre administracións para a identificación dos inmobles inscritos e que non teñen titular.