Reunión sobre prevención na Pastoriza ante a vaga de incendios que afecta a Galicia

TerraChaXa
O alcalde, Darío Cabaneiro, mantivo unha xuntanza co sarxento da Garda Civil do municipio, Javier Teijeiro
reunion-incendios-a-pastoriza
21 Aug 2025

O alcalde da Pastoriza, Darío Cabaneiro, mantivo unha reunión co sarxento da Garda Civil do municipio, Javier Teijeiro, para abordar medidas de prevención e reforzo da coordinación fronte á elevada actividade incendiaria que se está a rexistrar en Galicia nas últimas semanas.

Segundo explicou o rexedor, a preocupación polos numerosos focos que afectan á comunidade, unida ás altas temperaturas e á situación de risco extremo, fai necesario intensificar os mecanismos de vixilancia no termo municipal. “É fundamental reforzar a colaboración entre administracións e corpos de seguridade para protexer o noso territorio e a nosa veciñanza”, subliñou Cabaneiro.

Pola súa parte, o sarxento Teijeiro atendeu a petición do alcalde e confirmou que se realizarán patrullas específicas de vixilancia en distintos puntos da Pastoriza, prestando especial atención ás zonas de maior sensibilidade forestal. Ademais, non se descarta a instalación de cámaras de control en áreas estratéxicas como medida complementaria para facilitar a detección temperá de posibles condutas delituosas.

 

⚙ Configurar cookies
0.16392993927002