Ribadeo abriu o proceso de selección para contratar ao persoal de salvamento e socorrismo para a vindeira tempada
Concello de Ribadeo lanzou as distintas convocatorias para contratar ao persoal do servizo de salvamento e socorrismo de praias para a tempada estival de 2019. O mesmo estará composto por un xefe de equipo e 17 socorristas, 8 deles a cargo do Plan de Cooperación da Xunta de Galicia durante 2 meses, e 3 técnicos sanitarios.
A tempada de praias establecida para o presente ano irá do 15 de xuño ao 14 de setembro, período no que estará funcionando este servizo de salvamento e socorrismo.
O alcalde, Fernando Suárez, comentou que “a intención é a de dispoñer deste servizo nas praias de Os Bloques, Os Castros, As Illas, Esteiro e As Catedrais. Agardamos que as persoas interesadas se presenten a estas convocatorias e que poidamos poñer en marcha este dispositivo en tempo e forma”.
O rexedor subliñou “o enorme esforzo inversor que realizamos un ano máis desde o Concello con fondos propios, fronte á pouca axuda que recibimos desde a Xunta, algo que xa non nos sorprende. En Ribadeo estamos acostumados a recibir migallas por parte da administración galega, pero a pesares diso seguimos a traballar para ofrecerlle á veciñanza os mellores servizos posibles”.
Suárez Barcia dixo que “os candidatos que desexen participar neste proceso selectivo no referente aos postos a cargo do Concello de Ribadeo xa poden solicitalo. O prazo remata ás 14 horas do día 10 de xuño de 2019, no Rexistro Xeral de Entrada de documentos do Concello”. O proceso de selección dos 8 postos de socorristas a cargo do Plan de Cooperación da Xunta de Galicia levarase a cabo a través do Servizo Público de Emprego, ao estar dirixidos a traballadores desempregados.