Ribadeo acolle un obradoiro de robótica o 9 de agosto
A Aula CeMIT do Concello de Ribadeo acollerá un obradoiro de Robótica que se celebrará o 9 de agosto. Está dirixido a mozos e mozas con idades comprendidas entre 9 e 16 anos. O número de prazas é limitado e o prazo de inscrición será do 29 de xullo ao 5 de agosto. Esta actividade, incluída no programa Tech Kids de Amtega, pretende iniciar os mozos e mozas na programación dun xeito entretido separando ao alumno ou alumna da pantalla e facer que interactúe co mundo real a través dos sensores e dos actuadores dun robot.
A concelleira de Ensino e Mocidade, Mariluz Álvarez Lastra, comentou que “o día 9 de agosto, desde as dez da mañá ata as dúas da tarde, se vai celebrar un obradoiro de robótica dirixido a mozos e mozas entre 9 e 16 anos”.
A edil ribadense dixo que “este obradoiro se inclúe no programa Tech Kids 2019 de Amtega en colaboración co Aliado Dixital-Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia. As prazas son totalmente gratuítas, pero é necesaria a inscrición que se vai desenvolver desde o día 29 de xullo ata o 5 de agosto, ambos inclusive”.
Álvarez Lastra sinalou que “a forma de inscribirse é presencial na Aula CeMIT de Ribadeo, no teléfono 982 120 732 ou online. As prazas son limitadas, soamente vai haber 14. Trátase de facer e programar robots. O programa máis detallado poden atopalo na páxina da Aula CeMIT do Concello de Ribadeo”.