Ribadeo aproba nun Pleno extraordinario inversións financeiramente sostibles

TerraChaXa | AMariñaXa
7 Xan 2019

No Concello de Ribadeo tivo lugar o pleno extraordinario urxente para abordar o expediente relativo a inversións financeiramente sostibles. O alcalde, Fernando Suárez, explicou que o Concello empregou o remanente de tesourería en realizar investimentos como melloras en accesos a diferentes núcleos de poboación e á construción dos vestiarios na Casa das Algas.

O rexedor explicou que "tivemos o derradeiro pleno deste ano 2018, un pleno extraordinario cun so punto, foi un pleno breve, que foi convocado para utilizar o remanente de tesourería, como estivo sendo utilizado en parte importante este ano, pero sen que nos penalice a regra de gasto, esta regra que todos os concellos temos que cumprir".
Suárez Barcia dixo: "para esta situación aprobouse a principios de ano un Real Decreto Lei por parte do Goberno do Estado, para regular estes procedementos. Para isto, os gastos que se fagan deben reunir a condición de inversións financeiramente sostibles".
O alcalde contou que "hai que remontarse ao mes de maio, nese momento fixemos unha modificación de crédito con esta finalidade, e quedou pendente de elaborar unha memoria técnica que acreditase tal condición de inversións financeiramente sostibles".
Fernando Suárez engadiu que "agora, unha vez realizadas estas inversións, ou rematando a súa realización, imos determinar que son financeiramente sostibles como poden ser a mellora de accesos a núcleos con aglomerado asfáltico e o acondicionamento dos vestiarios da Casa das Algas de Ribadeo para todos os nenos e nenas que practican remo, dado que reuniron todas as condicións para tal fin. En este punto contamos cunha amplísima maioría e a abstención de dúas concelleiras. En todo caso celebrouse con total normalidade e con bo xuízo de todo o mundo".

0.076266050338745