Ribadeo e Trabada alíanse para pedirlle á Xunta que contribúa a mellorar o abastecemento da auga
Os alcaldes de Ribadeo e de Trabada veñen de enviarlle un segundo escrito ao presidente da Xunta no que lle solicitan unha xuntanza para abordar a problemática existente co abastecemento de auga para o consumo humano nestes dous municipios. Suárez Barcia subliña nese documento que a Xunta elaborou hai oito anos un proxecto global para substituír a tubaxe que ven desde Vilarbetote, en Trabada, e que suporía un investimento de máis de 5´5 millóns de euros.
Tamén hai seis anos chegou a facer unha separata para unha primeira fase, onde se construiría un depósito de auga por 1´5 millóns de euros. O alcalde manifesta que nunca se soubo nada máis destes dous proxectos. Os rexedores de Trabada e de Ribadeo reitéranlle a Aberto Núñez Feijoo “a necesidade de xuntarnos canto antes, á maior brevidade posible, co fin de garantir a subministración de auga desde o río Eo”.
Fernando Suárez manifesta que “tanto por parte do Concello de Trabada como por parte de Ribadeo é o segundo escrito que lle enviamos ao presidente da Xunta de Galicia tendo en conta que poucos días despois das eleccións, aínda estando en funcións nos dous Concellos, enviámoslle unha petición formal porque queríamos cordialmente falar co presidente da Xunta, para resolver dunha vez por todas esta problemática que temos Trabada e sobre todo Ribadeo, porque a condución principal de auga para estes dous concellos depende dunha captación que está no río Eo, no lugar de Vilarbetote, en Trabada. Desde alí, durante vinte quilómetros ven por unha condución de fibrocemento dos anos setenta, que está moi desgastada, que rompe cada pouco, e o día menos pensado, como temos advertido moitas veces por escrito aos responsables da Xunta, a poboación de Ribadeo pode quedar facilmente sen auga. É un dereito e un recurso básico para a poboación, co cal iso non se pode permitir”.
O rexedor ribadense di: “sabemos, desde hai anos da nosa insistencia, que Augas de Galicia que depende da Xunta redactou varios proxectos integrais, un hai oito anos, outro parcial hai uns seis anos para un novo depósito e incluso un pequeno parche hai un par de anos por mor daqueles vertidos de lixiviados ao río Grande, que é a outra captación que temos, pero ningún destes proxectos se levaron a cabo, non sei se por unha cuestión absolutamente de sectarismo político ou porque realmente non teñen fondos. Pero aínda que somos conscientes os dous Concellos de que a competencia en subministro de auga potable é municipal tamén somos conscientes da legalidade que di que a comunidade autónoma ten que axudar a financiar estes proxectos e máis aínda cando son supramunicipais, cando afectan a máis dun concello”.
O alcalde de Ribadeo subliña que “lle vimos de reiterar ao presidente da Xunta que nos reciba porque non podemos ter como testemuñas mudas aos usuarios e veciños de Ribadeo e de Trabada nesta situación co corazón nun puño, de que o día menos pensado unha rotura da tubaxe principal nos deixe sen servizo e quede desabastecida toda a poboación. Concretamente este domingo pasado tivemos unha rotura na traída xeral e non quedamos sen servizo de subministro de auga por moi pouco, grazas á celeridade con que se localizou e se reparou impediu que o depósito principal de Ribadeo se baleirara de todo, pero quedamos a piques de que iso acontecese”.
Fernando Suárez engade que “tal e como lle dicimos ao presidente da Xunta, quedan catro anos por diante nos Concellos, queremos ter un diálogo sincero e cordial, pero non queremos que se nos aplique o que entendemos que nestes últimos anos se nos estivo aplicando que é sectarismo por un tubo, e queremos que se comprometan porque os veciños de Ribadeo son tan importantes como calquera outro veciño do país por aí adiante”.