Ribadeo edita un carderno de pegatinas dirixido aos nenos para loitar contra a desigualdade
A Concellaría de Igualdade de Ribadeo ven de editar 1.000 exemplares dun caderno de pegatinas con contidos elaborados desde a perspectiva de xénero para fomentar unha educación de valores igualitarios entre mulleres e homes. Titúlase Co-educa, xogando e nel abórdanse aspectos como as tarefas profesionais, a corresponsabilidade ou as familias diversas que hai na sociedade actual. Será distribuído de xeito gratuíto entre os colexios Gregorio Sanz e Sagrado Corazón e destinado ás nenas e nenos con idades comprendidas entre os 2 e os 6 anos. Tamén estará á venda nas librarías de Ribadeo.
No acto de presentación, que tivo lugar esta tarde no Concello de Ribadeo, interviñeron a edil de Igualdade, Mariluz Álvarez Lastra, a ilustradora do caderno, Mónica Justo, e a directora do CIM, Luisa Couceiro. Tamén estivo presente a educadora familiar municipal Fianma Prada.
A concelleira ribadense referiuse tamén a outro proxecto que levará adiante en datas próximas o Concello, cando o tempo mellore, que é o pintado de xogos coeducativos no parque de San Francisco, a carón dos columpios: “pensamos que os espazos do parque están ben para xogar, hai un espazo na nosa vila tamén fomentando deportes como o fútbol, o baloncesto, etc… pero cremos que os xogos tradicionais como a carabañola, o tres en raia, este tipo de xogos que non adoitan a estar preto dos nenos e das nenas son importantes porque son coeducativos, xogan indistintamente nenas e nenos, non requiren materiais específicos e é unha maneira de optimizar os recursos que temos e que realmente custan moi pouco. Cando o tempo o permita procederemos ao pintado deses xogos para que estean ao alcance de todos os nenos e nenas que acoden ao parque”.
Sobre o caderno Co-educa, xogando Álvarez Lastra dixo que “aborda as tarefas profesionais, a corresponsabilidade e os diferentes tipos de familias que hai na actualidade. Nos libros que os nenos e nenas empregan a diario aparecen esas imaxes estereotipadas que só nos dan unha visión e o único que fan é crear desigualdade e seguir perpetuando ese rol da muller no ámbito familiar, no ámbito educativo e naquelas profesións que están feminizadas e marcando máis o rasgo de xénero masculino naquelas profesións como a construción, a mecánica, aquelas orientadas desde sempre aos homes”.
A concelleira de Igualdade engadiu que “as tarefas do fogar levan nome de muller e cremos que abordar esta temática e que se vexa a corresponsabilidade no ámbito dos libros tamén é moi importante. E o caderno alude tamén aos tipos de familias,que hoxe en día son moi diversas e iso non se reflicte nin nos materiais educativos nin na maior parte dos contos editados na actualidade”.
Mariluz Álvarez Lastra subliñou que “contamos cunha ilustradora de luxo, ribadense de a pé, que é Mónica Justo. Pensamos que esa visión que queríamos dar a podía reflectir moi ben ela, pola súa sensibilidade, polo seu bo facer e porque non queríamos que fose un libro calquera, senón que queriamos que fose un libro que abordase toda esta temática, pero que reflectise tamén a nosa vila e creo que quedou moi ben plasmado”. Para a edil trátase “dun material único, totalmente diferente e moi local”.
Luisa Couceiro, directora do CIM, definiu o proxecto coma complexo e ambicioso. E a ilustradora Mónica Justo dixo que “para min foi moi gratificante, non só polo feito de facer os debuxos, porque é o que me gusta e ao que me dedico, pero o traballo previo de investigación con Luisa, que é con quen falei sobre cal era a idea que se quería transmitir coas imaxes, que non se baseaba nunha simple imaxe de divertimento, que tiña que ter unha parte lúdica porque está dedicado a cativos e a cativas. Entón tíñamos que xuntar estas dúas cousas: que fose algo atractivo para eles, que non se quedase nunha mera imaxe para poñer a pegatina e pasar páxina, senón que se puidese traballar con el de maneira didáctica. E chegamos ao punto de que estaría ben facelo mostrando contornas que lles resultasen familiares, como o colexio ou rúas da propia vila e a través disto ter unha visión máis ampliada do que son os roles que eles poden ver diariamente”.
O Concello editou unha primeira tirada de 1.000 exemplares do caderno Co-educa, xogando que distribuirá de xeito gratuíto nos colexios Gregorio Sanz e Sagrado Corazón. Este libro de pegatinas está destinado a nenas e nenos de 2 a 6 anos. O caderno estará tamén á venda nas librarías de Ribadeo. O prezo será de 5 euros. Mariluz Álvarez Lastra considera que pode ser un bo agasallo para este Nadal.