Ribadeo limpa contedores e recomenda sacar o lixo pola noite para evitar cheiros
En agosto seguirá a campaña de lavado dos contedores verdes tanto na vila como nas parroquias. En xullo actuouse en 200 e en agosto tocaralles a outros 200. O concelleiro de Medio Ambiente, Jorge Díaz Freije, pide á veciñanza que non saque o lixo durante o verán antes das dez da noite co obxectivo de evitar cheiros innecesarios nas rúas.
O edil nacionalista aproveita para insistir en que “o artigo 36.2 da Ordenanza de Protección Medio Ambiental do Concello de Ribadeo establece que o lixo e desperdicios depositaranse en bolsas pechadas e non poderán ser deixadas nos contedores ou na vía pública antes das 20 horas, excepto os meses de xuño a setembro, nos que non poderán depositarse antes das 22 horas”.
Díaz Freije pide colaboración veciñal e empresarial “para evitar cheiros innecesarios nas rúas de Ribadeo durante o día, a pleno sol”.
O concelleiro de Medio Ambiente engade que “este programa periódico de lavado de contedores de nada serve se non facemos un bo uso dos mesmos. É preciso cumprir cos horarios que establece a Ordenanza de Protección Medio Ambiental e depositar o lixo en bolsas pechadas. Os desperdicios non se poden botar directamente nos contedores, teñen que ir sempre en bolsas pechadas. Non nos cansaremos de repetilo todas as veces que sexa necesario”. E lembra que este é o cuarto ano no se leva adiante este programa periódico de lavado dos contedores.
Jorge Díaz tamén fai un chamamento ao civismo da veciñanza e dos turistas para que “non deixen tirado nada nas rúas, nos parques, nas praias, nos paseos marítimos, no monte… hai suficientes papeleiras e contedores á súa disposición por Ribadeo adiante para depositar o lixo que xeramos, sen necesidade de ir tropezando con botellas de plástico, con botes, con iogures, con restos de bocadillos, con cabichas, con pipas, con papeis, etc”.
O concelleiro ribadense tamén fai unha chamada á colaboración de comerciantes e hostaleiros: “si queremos un Ribadeo limpo todos temos que poñer da nosa parte. O Concello, a veciñanza e tamén o comercio e a hostalería. Hai que lembrar que contamos cun servizo de recollida de cartón porta a porta, que funciona os martes e os xoves”.
No mesmo sentido se refire aos propietarios de cans: “quero lembrar tamén que os cans sempre teñen que ir atados e en algúns casos, cando falamos de determinadas razas, teñen que levar bozal. E os seus donos e donas deben recoller os seus excrementos da rúa. Xa está ben de ir paseando polas beirarrúas e paseos e atopalos cheos de cagadas de cans. Cada un ten que facerse responsable das súas mascotas e recoller nunha bolsiña as súas deposicións para despois tiralas nunha papeleira ou nun contedor”.
Jorge Díaz subliña que “non nos gustaría ter que sancionar a ninguén por incumprimento da ordenanza de medio ambiente, pero si o temos que facer aplicaremos a lei a veciñas, veciños e visitantes”.