'Ribadeo Nos Une' presentou a todos os membros da súa candidatura á alcaldía

TerraChaXa | AMariñaXa
24 Abr 2019

A candidatura independente Ribadeo Nos Une presentou hoxe, martes, a todos os membros da súa lista, que encabeza Ramón Acuña González, quen explicou que é unha candidatura que “non vai contra ninguén, nin contra partidos nin contra persoas. É unha candidatura única e exclusivamente formada por persoas de e por Ribadeo co único obxectivo de mellorar as cousas e facer todo o posible porque Ribadeo ocupe o lugar que merece nesta comarca porque desgraciadamente nos últimos anos veu perdendo influencia, como podemos ver en todos os indicadores, nos que Ribadeo sae moi mal parado con respecto ao resto de municipios que forman esta comarca. Estamos como líderes de paro, á cola de sectores produtivos e sen un obxectivo claro e concreto máis que a mera propaganda e publicidade. Por tanto os membros da candidatura Ribadeo Nos Une imos facer todo o posible para que as cousas no noso municipio melloren”.
Ramón Acuña engadiu que o compromiso desta candidatura é “ir ao Concello a servir e a non servirnos, tratar de mellorar a situación económica do municipio e que as cuestións se debatan limpa e claramente, sen debates agres” e espera que na campaña electoral “póidase producir un debate entre todo os candidatos que se presenten. Parece ser que hai seis candidaturas para estas eleccións municipais, o que quere dicir que hai unha participación alta, que en Ribadeo están a moverse as cousas ata o punto que se presentan tantas candidaturas porque todo o mundo debe de ter algunha cousa que dicir. Espero que entre todos sexamos capaces de facer que Ribadeo avance e posicionemos a Ribadeo no lugar que verdadeiramente merece”.
A candidatura está formada polas seguintes persoas nesta orde:
Ramón Acuña González é deseñador industrial xubilado da multinacional ALCOA. Foi concelleiro do Concello de Ribadeo, deputado provincial e delegado da Deputación de Lugo en Patrimonio Histórico Artístico de Galicia.
Antonio Vicente Fernández Fernández é avogado, foi funcionario de Facenda, formou parte do primeiro goberno democrático de Aragón e do equipo negociador para a entrada de España na Comunidade Europea. É experto en comercio exterior e profesor en diferentes organizacións nacionais e internacionais: Instituto de Empresa, EOI, Fundación Incyde, etc. Ten dúas medallas (distincións) de Isabel a Católica.
María del Carmen Villagarcía Río desenvolve a súa actividade laboral no sector servizos, como traballadora en establecementos comerciais do municipio.
Perfecto Rodríguez González é licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais. Traballou no sector privado ata o ano 1998, cando ingresou no SERGAS.
María Lourdes Prada Herrera é licenciada en Ciencias Empresariais pola Universidade de Deusto. Durante máis de 25 anos impartiu clases de matemáticas a alumnos de diferentes bacharelatos e universidades. É directora de Cáritas Ribadeo.
Naroa Penedo Rodríguez estudou Barbería e Estética, profesión que exerceu e actualmente rexenta un negocio de tecidos.
Tania Freije López é veciña de Rinlo, desempeña a súa actividade laboral no sector comercio. Ao ser nai está vinculada ás demandas da infancia.
María Ruth Penoucos Yanes está vinculada á política local desde os 28 anos. Desempeña a súa actividade laboral como auxiliar de ruta.
María Teresa Fernández Fernández, xubilada da súa última actividade, Multitiendas Teresa, é unha gran coñecedora das demandas do noso comercio.
Valentín Izquierdo Rodríguez leva vinculado á política local toda a súa vida. Desempeña a súa actividade laboral como funcionario.
Margarita Galocha López, acuicultora durante os 10 últimos anos. Quere poñer en valor o rural e os seus recursos.
Iván Quero Fernández, de 19 anos, estuda Dereito e quere poder ter un futuro en Ribadeo.
José Gutiérrez López, xubilado da multinacional ALCOA.
Os suplentes son Juan Carlos Delgado Ruíz, María Benigna Cubero Loredo e Rafael Milleiros Mera.

0.15176510810852