Ribadeo organiza cursos preparatorios para os exames de Competencias Clave de Nivel 2

TerraChaXa | AMariñaXa
O Concello de Ribadeo, dende a Área de Economía e Desenvolvemento, vai poñer en marcha un curso destinado a preparar os exames de Competencias Clave que se celebrarán o próximo 25 de maio en Silleda.
Captura
6 Maio 2019

O Concello de Ribadeo, dende a Área de Economía e Desenvolvemento, vai poñer en marcha un curso destinado a preparar os exames de Competencias Clave que se celebrarán o próximo 25 de maio en Silleda. As materias a impartir serán as de Competencia matemática Nivel 2, Comunicación en Lingua Castelá Nivel 2 e Comunicación en Lingua Galega Nivel 2.

O alcalde, Fernando Suárez, subliñou que “o Concello coa posta en marcha destes cursos quere apostar pola formación para empregabilidade das persoas con menores niveis de formación”.

Esta acción formativa vai dirixida prioritariamente ás persoas que estean matriculadas nestas materias nos exames do día do 25 de maio, aínda que dende o Concello indican que se non se cobren as 15 prazas dispoñibles poderían matricularse todas aquelas persoas que desexen xa iniciar a preparación para os próximos exames, que a Xunta convocará previsiblemente no ano 2020.

As Competencias Clave de Nivel 2 son necesarias para aquelas persoas que non conten cos requisitos formativos para poder acceder a cursos de formación con Certificados de Profesionalidade de Nivel 2.

A inscrición está aberta do 3 ao 7 de maio, ambos incluídos. As bases de participación estarán dispoñibles na sección de anuncios da sede electrónica do Concello de Ribadeo. A adxudicación das prazas realizarase por orde de inscrición, e terán prioridade as persoas matriculadas nos exames do 25 de maio e empadroadas no Concello de Ribadeo.

As clases impartiranse nas aulas do Concello de Ribadeo, dende o 7 ao 24 de maio, en horario de 11 a 14 horas cunha duración de 39 horas lectivas.

Para  máis información  as persoas interesas poderán acudir á oficina de orientación laboral do Concello de Ribadeo.

0.16529297828674