Ribadeo organiza obradoiros tecnolóxicos para mozos
A Concellaría de Mocidade organiza dous obradoiros tecnolóxicos dirixidos aos mozos e mozas ribadenses. Estes talleres serán sobre Iniciación á Robótica e Iniciación á Programación de Móbiles Android.
O obradoiro de Iniciación á Robótica terá lugar o 26 de decembro na Aula CeMIT de Ribadeo, en horario de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas. Os destinatarios son mozos e mozas de 11 anos en adiante.
A concelleira Mariluz Álvarez Lastra sinala que “esta actividade iniciará ás nenas e nenos na programación dun xeito entretido”. A bondade máis importante da robótica é separar ao alumno da pantalla e facer que interactúe co mundo real a través dos sensores e dos actuadores dun robot. O taller constará de superar mini-retos, e a resolución de cada un deles instruirá ao alumno nun algoritmo distinto de programación.
O obradoiro de Iniciación á Programación de Móbiles Android celebrarase o día 27 de decembro na Aula CeMIT de Ribadeo en horario de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas. Os destinatarios son mozos e mozas de 12 anos en adiante. A actividade iniciará ás nenas e nenos na programación no sistema operativo Android. Os rapaces e as rapazas participantes deberán levar un móbil Android e o cable USB para conectar o portátil.
A edil de Mocidade dixo que “o prazo de inscrición abriuse o luns e pecharase mañá xoves, 19 de decembro, ás 13.00 horas. As persoas interesadas poden anotarse de maneira presencial na Casa da Xuventude ou nos teléfonos 982 120 732 e 982 129 889. As prazas para cada obradoiro asignaranse mediante sorteo público realizado na Casa do Concello, o día 20 de decembro”.
Álvarez Lastra anima “a todas aquelas rapazas e rapaces que teñan inquedanzas coas novas tecnoloxías a que se apunten e que vaian experimentar con estes dous obradoiros”.