Ribadeo permuta a súa parte da Torre dos Moreno por un novo edificio para o xulgado de paz

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
14 sep 2019

Nas últimas horas foi asinada na notaría a permuta do 21% da Torre dos Moreno, que era de propiedade municipal. O Concello recibirá un edificio rehabilitado na Praza de Abaixo, que se destinará a sede do xulgado de paz. A empresa Paisajes de Asturias dispón de 2 anos para entregalo, segundo deu a coñecer hoxe o alcalde, Fernando Suárez Barcia. 

O rexedor dixo que “acabamos desde o Concello de Ribadeo de dar un paso definitivo na resolución final de poñerlle un sentido a todo este traballo de anos para resolver o problema da situación de perigosidade da Torre dos Moreno. Acabamos de facer na notaría os trámites de permuta de acordo coas instrucións que dimanan do acordo de finais do mandato anterior da xunta de goberno, na que se acordaba a permuta dos pequenos anaquiños de propiedade na Torre de maneira pro invidisa, que en total suman o 21,25%, para permutalo por un edificio rehabilitado na Praza de Abaixo cun valor, segundo os técnicos municipais, superior ao valor da parte da Torre dos Moreno que se permuta”.

Suárez Barcia explicou que “para levar adiante todo este proceso pedíronse á Xunta, aos seus departamentos, informes dado que o edificio da Torre dos Moreno é un BIC (Ben de Interese Cultural) e ao mesmo tempo a Xunta ten un dereito de retracto. Tanto Cultura como Facenda responderon que non vían ningún problema e que non querían exercitar o dereito de retracto”.

O alcalde ribadense considera que “avanzamos dunha maneira definitiva na situación da Torre dos Moreno, que era insostible tanto polo estado de conservación como polo perigo para terceiros por desprendementos de anacos de fachada, de cuberta, etc. E o Concello, ao ser parte minoritaria en toda esta propiedade, si se quixera facer cargo implicaría a adquisición do resto, da parte maioritaria, e despois a maiores da rehabilitación integral do edificio sen unha finalidade concreta”.

Fernando Suárez subliñou que “pola grande cantidade de recursos que isto esixiría viuse que era claramente imposible e, atendendo sempre ao consello e ao criterio dos técnicos na materia, buscamos esta solución”. 

O rexedor manifestou que “agora a empresa Paisajes de Asturias, máis reforzada na súa porcentaxe de propiedade sobre a Torre dos Moreno, no compromiso da escritura de permuta ten dous anos para entregar o edificio rehabilitado, que tal e como temos dito entre outros servizos queremos destinalo a xulgado de paz, xa que a Xunta de Galicia so puxo problemas e non facilitou axudas para rehabilitar as actuais instalacións do xulgado de paz”.

Suárez Barcia engadiu: “e ademais agora no que ten ver coa empresa Paisajes de Asturias e a Torre dos Moreno en sí xa non ten escusa e ten a vía libre para a rehabilitación, mellora e conservación dese inmoble. E hai que dicir que o edificio, como é un BIC en sí mesmo, está suxeito ás obrigas que para este tipo de bens marcan outras leis como a de patrimonio de Galicia, relativo a visitas, horario de apertura ao público, etc, máis aló das actividades que lexitimamente como propietarios pretendan desenvolver aí. Agardando que nun futuro, o máis axiña posible, as xentes de Ribadeo poidamos ver un emblema, símbolo do patrimonio urbanístico ribadense, rehabilitado e con todo o esplendor que tivo hai agora un século”. 

0.16936087608337