Ribadeo pon en marcha recursos para favorecer o envellecemento activo
O Concello de Ribadeo poñerá en marcha diferentes recursos no centro de atención a persoas maiores co obxectivo de favorecer o envellecemento activo. A edil de Servizos Sociais, Mónica Freire, explicou que se trata dunha pista de petanca e de roteiros de distinto grao de dificultade.
A concelleira ribadense subliñou que “desde a Área de Servizos Sociais do Concello queremos dotar ao noso centro de atención a maiores de recursos para que os seus usuarios e usuarias poidan dispoñer de diferentes elementos de envellecemento activo. Así tomamos a decisión de implementar por un lado unha pista de petanca e por outro un sistema de roteiros activos con diferente dificultade”.
Mónica Freire indicou que “a pista de petanca é proxecto deseñado polos propios Servizos Sociais no que tratamos de aproveitar o tirón que está a ter este deporte no noso concello, así como os beneficios que pode aportar este tipo exercicio e que se adapta perfectamente ás características dos residentes”.
A edil de Servizos Sociais dixo que “quixemos apurar ao máximo a realización desta pista por dous motivos principais, ao marxe dos xa mencionados beneficios para a saúde, por un lado porque comeza o bo tempo e trátase dunha actividade no exterior, e por outro porque é unha actividade que lles axudará a levar o confinamento, ao que de xeito especial están sometidos os usuarios deste centro residencial. A pista realizarase con varias capas de diferentes materiais para que poida contar coa drenaxe óptima e vamos executala cos medios propios do Concello”.
Freire Rancaño engadiu que “os roteiros activos son un proxecto deseñado polo fisioterapeuta e a terapeuta ocupacional do centro de atención a maiores. Consisten en tres rutas de distinto grao de dificultade pintadas en tres cores diferentes. En función do grao de dificultade incorpóranse ramplas de diferentes lonxitudes, escaleiras ou outros obstáculos que os usuarios teñen que percorrer. O obxectivo é mellorar o grao de mobilidade de todos os usuarios da residencia”.