Ribadeo presentou a moeda local, Pancha

TerraChaXa | AMariñaXa
No Concello de Ribadeo presentouse a moeda local, Pancha de Ribadeo.
Cabalgata 2018
15 Mar 2019

No Concello de Ribadeo presentouse a moeda local, Pancha de Ribadeo. No acto participaron representantes municipais, de Acisa e de ABanca. Trátase dunha campaña que se desenvolverá do 5 de abril ao 5 de maio nos comercios adheridos á mesma. Cada cliente poderá cambiar, na oficina de ABanca en Ribadeo, 30 euros por 30 panchas para gastar no comercio local e a maiores recibirá 10 panchas máis como agasallo. O valor das 40 panchas é de 40 euros.

No acto estiveron presentes o alcalde, Fernando Suárez, a concelleira de Turismo e Comercio, Ana Martínez, o presidente e o xerente de Acisa, Francisco Iriarte e Jesús Pérez, o director de zona de ABanca en A Mariña, Carlos Teijero, e o director da oficina de Ribadeo, Ángel Luis Macía, ademais das técnicas que encargarán de coordinar todo o dispositivo. 

Todos os asistentes ao acto de presentación destacaron que se trata dunha campaña novidosa en Galicia, á que o Concello destina 10.000 euros para agasallar aos clientes do pequeno comercio de Ribadeo. Durante un mes serán 40.000 euros (40.000 panchas) as que estarán en movemento en Ribadeo para gastar nos establecementos que se sumen á campaña, sexan ou non socios de Acisa. 

O alcalde, Fernando Suárez, dixo que “estamos presentando unha iniciativa que entendemos moi novidosa, aínda que non é a primeira vez que se fai nalgún punto do Estado, moi potente, orientada especificamente ao comercio local e que necesita do reforzo tanto do pequeno comercio local como dos usuarios. Para iso levamos varios meses traballando cunha entidade local, neste caso ABanca, e cunha asociación moi potente en Ribadeo, como é Acisa. Queremos, sen ningunha aspiración que poida resultar grandilocuente, inxectar diñeiro público na economía local, non moito diñeiro pero para que se multiplique e xere consumo local, para apoiar este sector que nos últimos tempos se está enfrontando a un desafío terrible, motivado polos novos canles de venda, Amazon, internet, etc.., e pola necesaria rexeneración que debe ter”.

O rexedor ribadense salientou que “desde o Concello imos investir 10.000 euros para crear unha moeda local, que lle chamamos Pancha, de tal maneira que todos os clientes de Ribadeo, da Mariña, do Occidente asturiano e de calquera parte que queiran vir comprar a Ribadeo, nun período determinado, poderán adquirir esta moeda local por 30 euros e poderán gastar por valor de 40 euros. Estamos convencidos de que no comercio local vai xerar un movemento, sobre todo nun período baixo de ventas, non o facemos na época estival nin en Semana Santa, facémolo agora nun período que queremos dinamizar. A nivel de Ribadeo queremos facer esas experiencias de inxectar diñeiro na economía para que se multiplique e que beneficie á sabia da nosa sociedade, que é o sector servizos, e concretamente neste caso o comercio local, o comercio de proximidade”.

Pola súa banda, a concelleira de Turismo e Comercio, Ana Martínez, subliñou que “esta é unha campaña pensada por e para o comercio, dende o Concello con Acisa entendemos que é un dos sectores máis importantes de Ribadeo. Como se pode ver a nivel mundial, o comercio está sufrindo un cambio importante, creo que non temos moi claro aínda cal vai ser esa transformación, pero debemos estar aí atentos e apoiando desde a administración pública este sector tan forte de Ribadeo. Con esta iniciativa, dentro dunha campaña máis global de consumo local, eu creo que toca facer reflexión aos consumidores do que supón un espazo baleiro, un espazo onde o comercio poida ter nalgún momento as súas portas pechadas. Creo que nos faltaría a todos calidade de vida, que a imaxe das nosas vilas non sería igual e, polo tanto, creo que nos debemos implicar todos neste reto común que é apoiar e consumir en local”.

Martínez engadiu que “empezaremos con esta iniciativa o día 4 de abril, cando os clientes poderán acudir á oficina de ABanca en Ribadeo para adquirir esta moeda. Hai limitacións por cliente, cada persoa poderá adquirir dous packs de moeda, e tamén poderá recoller este importe para outras catro persoas aportando os DNI. Isto permitirá acudir aos comercios e gastar estes 40 euros que obtén despois de pagar tan só 30 euros, polo tanto falamos dun 33% de desconto. Creo que é importante a principio dunha campaña de primavera, e desde logo reflexionar sobre a importancia de consumir no comercio local”.

O presidente de Acisa, Francisco Iriarte, manifestou que “se puxo o Concello en contacto con nosoutros e nos comentou que queira facer esta moeda que a nosoutros, desde o primeiro momento, nos pareceu moi interesante. Levou moito traballo facela porque os técnicos levan máis de tres meses mirando como podía facerse para que fora interesante para todos, e creo que agora mesmo o lograron. O máis importante desta moeda, e que temos que ter en conta é que durante o mes de abril en Ribadeo vai haber 40.000 euros movéndose. É unha partida que hai que gastar nese mes e que se vai gastar no pequeno comercio que agora mesmo está un pouco máis apretado debido ás plataformas de venda por internet. Cremos que é unha axuda importante, que imos intentar por todos os medios que se poña en movemento todo o diñeiro e que se gaste en socios e non socios de Acisa, será naqueles locais que cumpran as condicións que se lles pide. Dar as grazas ao Concello e a ABanca, e a ver se entre todos o poñemos a funcionar e para o ano que ven se fai outra vez e máis importante”.

O delegado de zona de ABanca, Carlos Teijeiro, quixo “en nome de ABanca agradecer ao Concello e a Acisa que nos invitaran a participar nesta iniciativa absolutamente novidosa, pioneira, me atrevería a dicir que en Galicia, e para nosoutros é un orgullo moi importante que se conte con nós para este tipo de iniciativas. O apoio ao comercio local en Galicia é unha das estratexias fundamentais para ABanca e boa proba disto é a cantidade de convenios de colaboración que temos firmados coa maioría das asociacións de comerciantes desta comunidade. Entre os valores da entidade está a cercanía, a proximidade, a confianza e a calidade de servizo que son valores que compartimos co pequeno comercio local, especialmente en Ribadeo que ten unha tradición enorme. O comercio local o que fai é crear riqueza e xerar emprego nas vilas, soamente por iso eu creo que merece o noso total apoio e a nosa grandísima admiración. Hoxe en día ser comerciante nunha vila pequena non é nada fácil e eu creo que merece o noso absoluto respecto”.

0.10999608039856