Ribadeo recibiu máis máscaras, hidroxel, batas e traxes de protección
O Concello de Ribadeo recibiu da Xunta de Galicia outras 350 máscaras, 5 botes de hidroxel, 50 batas e 12 traxes de protección para combater o Covid-19. Este material súmase o entregado noutros dous envíos, efectuados os días 24 e o 26 de marzo; o que fai que a entidade local dispoña en poucos días dun total de 443 luvas, 428 máscaras, 62 traxes de protección, 5 botes de hidroxel de medio litro, 50 batas e 1 desinfectante clorado.
Para o voceiro do Grupo Municipal de Ribadeo, Daniel Vega, trátase dunha acción que “é importante poñer en valor e que dá continuidade ao que sempre dixemos, de seguir reclamando material para Ribadeo”.
“É fundamental que o centro de saúde, a residencia de maiores, os traballadores do SAF e que todos os profesionais que nos están coidando teñan material para o traballo diario”. Por iso, unha vez máis, apela á colaboración e responsabilidade institucional, de tal xeito que “agardamos que o Estado e a Deputación tamén cooperen na mesma senda que o fai o Goberno de Galicia”.
Ao igual que nos dous envíos anteriores, moito dese material procede de recursos propios, doazón de empresas, institucións e mesmo particulares que altruistamente non dubidaron en axudar nesta situación complicada. Isto supuxo e está a supoñer un gran esforzo tendo en conta a escaseza no subministro que existe nestes momentos.
Os populares da Ribadeo continúan así na súa “teima” de seguir pedindo protección para os ribadenses e medidas que axuden a paliar os efectos socioeconómicos que trae consigo o coronavirus. En días pasados rexistraron unha proposta con diversas medidas fiscais e sociais, e adiantan que, nos vindeiros días, demandarán tamén ao goberno local máis iniciativas que “nos axuden a saír o mellor posible desta parálise”.