Ribadeo saca a licitación dous proxectos de mellora de camiños municipais

TerraChaXa | AMariñaXa
O Concello saca a licitación dous proxectos de arranxo e mellora de camiños municipais.
CARTEL III FEIRA DE OPORTUNIDADES
3 Maio 2019

O Concello saca a licitación dous proxectos de arranxo e mellora de camiños municipais. Os traballos afectarán ás 11 parroquias ribadenses e suporán un investimento total de 575.000 euros. O alcalde ribadense, Fernando Suárez, subliña que “é unha das licitacións conxuntas máis  importantes que se levan feito na historia deste concello”. O rexedor quere que as obras sexan adxudicadas canto antes e que poidan ser unha realidade este mesmo verán. As empresas interesadas en presentar as súas ofertas dispoñen de 20 días para facelo.

O alcalde de Ribadeo explicou que “acabamos de publicar na plataforma de contratos do Estado e máis na plataforma de licitación electrónica do Concello de Ribadeo, dous ambiciosos proxectos de arranxo e de mellora de camiños municipais. Entendo que é unha das licitacións conxuntas máis importantes que se levan feito na historia deste concello pois abrangue a todas as parroquias, concretamente ás 11 parroquias que ten Ribadeo, e que o importe de todas elas supera os 575.000 euros”.

Fernando Suárez dixo que “queremos licitalo agora, que foi cando superamos a complexidade da redacción dos proxectos xunto coa súa tramitación administrativa, e queremos que queden adxudicados por este goberno municipal para que, pase o que pase nas eleccións de final de mes, estes proxectos poidan ser unha realidade material neste mesmo verán de 2019”.

O rexedor indicou que “redactamos dous grandes proxectos. O primeiro deles relativo aos camiños das parroquias do interior, de Cedofeita, de Arante que inclúe Remourelle e Vilamariz, de Covelas que inclúe tamén Reme, de Couxela e de Santalla de Vilaosende. Todo este gran proxecto está dividido en tres lotes que no conxunto suman unha cifra de 294.000 euros, e que é exclusivamente financiada con fondos propios municipais”.

Suárez Barcia engadiu que “o outro gran proxecto, que é relativo ás parroquias da costa, que inclúe a Rinlo,  a Vilaframil, A Devesa e que nesta parroquia inclúe Vilagüiz e Meirengos, e tamén a parroquia de Piñeira que inclúe a Folgosa e Dompiñor, así como as parroquias de Vilaselán e de Ove. Este proxecto das parroquias da costa está dividido en dous lotes e a suma dos dous ascende a 281.000 euros, que conta cun financiamento mixto entre a Deputación e o Concello de Ribadeo”.

O alcalde salientou que “son máis de 575.000 euros de diñeiro público para estes proxectos que xa están colgados na plataforma de contratos do estado e que van estar por un período de vinte días, dado que o procedemento de licitación é aberto simplificado, e todas as empresas, que estean cualificadas e capacitadas, poden presentar as súas ofertas de maneira electrónica”.

Fernando Suárez manifestou que “o prazo de execución de todas estas obras, unha vez adxudicadas, será de tres meses, polo tanto queremos que se empecen a facer a principios deste verán. Por suposto que no obxecto destes proxectos importantísimos está en facer estes camiños con aglomerado asfáltico, do mesmo xeito que estamos facendo nestes últimos anos estas obras de enxeñería civil que tan bo resultado están dando porque, ademais da capa de aglomerado que levan, tamén está incluído o pintado das beiras para mellorar a seguridade en momentos de pouca visibilidade”.

0.10216689109802