Ribadeo saca a licitación o proxecto de mellora do campo de fútbol Pepe Barrera
O Concello saca a licitación o proxecto de mellora do céspede do campo de fútbol municipal Pepe Barrera. As obras terán un custe de 421.000 euros e as empresas interesadas en realizalas dispoñen de 20 días naturais para presentar as súas ofertas técnicas e económicas. O alcalde, Fernando Suárez, subliñou que se trata dunha actuación moi demandada e necesaria para a práctica do fútbol por parte do Ribadeo FC e da SD Ribadeo.
O rexedor declarou: “hoxe pensamos que é un moi bo día para o deporte en xeral, e para o fútbol en particular, porque maila ás dificultades e os paus nas rodas, damos resposta a unha unánime petición, ao longo deste mandato, de todos os grupos da Corporación, debido ao estado de deterioro do campo de fútbol Pepe Barrera. A situación do Pepe Barrera esixía unha solución, porque este terreo non permitía xogar nin con comodidade nin con seguridade e era moitas veces un desastre polo seu deficiente estado desde hai moitos anos, tendo en conta ademais o uso importante que se fai tanto polo Ribadeo FC como por tantísimos nenos e nenas da SD Ribadeo”.
Suárez Barcia lembrou que “o custe é moi importante, son 421.000 euros, e as necesidades do concello son moitas, polo que pedimos no seu momento axuda ás outras institucións que poden facelo, que son a Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia, e foi polo que lles pedimos que financiaran un terzo do custo cada un, así un terzo a Deputación, un terzo a Xunta e un terzo o Concello. Finalmente, e como xa resulta habitual, o apoio foi en desigual medida, inversamente proporcional á demagoxia aplicada nestes casos”.
O alcalde dixo que “contamos co compromiso da Deputación de asumir un terzo, é dicir, 140.000 euros, e de feito infórmannos que mañá irá á xunta de goberno da Deputación a aprobación da cantidade comprometida para asinar o convenio con inmediatez. No caso da Xunta, os 46.000 pírricos euros que nos ofreceron, hai dous meses que os pedimos formalmente e aínda non recibimos noticia. Xa non é que non aportaran un terzo do que lle solicitábamos, igual que a Deputación, senón que nin sequera confirmaron esa mínima contía que ofreceron”.
Fernando Suárez Barcia explicou que “o proxecto está desde hoxe en licitación porque o Concello, prevendo estas demoras, anticipou cos seus medios os cartos precisos para poder financialo, mentres non se confirmen estas achegas porque non podemos agardar por máis tempo se queremos que a obra e o novo céspede estean operativos a finais deste ano 2019. Hai que ter en conta que ademais da remoción de todo o céspede e todo un paquete de firme que hai por debaixo co novo sistema de construción, de rego, de drenaxe, de nivelación, todo isto esixe un período de tres meses para o crecemento do novo céspede, xunto coa realización dunha serie de tarefas de mantemento, ata que se poida usar o campo, necesitamos todo ese tempo”.
E engadiu: “a partir de hoxe, na plataforma de contratos do Estado, na plataforma de licitación electrónica do Concello de Ribadeo, e durante vinte días naturais, todas as empresas cualificadas e que estean interesadas poden estudar e teñen prazo para presentar as súas ofertas técnicas e económicas para poder desenvolver esta obra tan importante e tan demandada en Ribadeo”.