Ribadeo solicita que se permita o acceso á poboación do occidente asturiano
O Concello de Ribadeo ven de enviarlle un escrito á Subdelegación do Goberno en Lugo solicitando que se permita o acceso ao municipio de Ribadeo á poboación do Occidente asturiano para que acuda a facer uso do comercio local como medida necesaria para a reactivación económica da vila. O alcalde, Fernando Suárez, agarda que co paso á fase 2 na desescalada en Galicia se teña en conta esta petición e se restablezan as relacións comerciais nesta comarca natural.
O rexedor explicou que “esta solicitude que lle enviamos no día de onte á Subdelegación do Goberno do Estado en Lugo é precisamente para pedir que, dentro destas actuais restricións de movemento vixentes que están por mor do estado de alarma derivado do coronavirus, se permita o acceso ao municipio de Ribadeo a toda a poboación do Occidente asturiano que acuda a facer uso do comercio local como medida necesaria para a reactivación económica de Ribadeo, pero cunha serie de argumentos que lles fomos trasladando por escrito tanto coa cabeza como co corazón e co compromiso a partes iguais de protección contra a pandemia que sufrimos e de reactivación ponderada tamén da nosa economía local e comarcal”.
Suárez Barcia dixo que “hai que destacar que formamos parte dunha comarca natural máis aló dunha fronteira administrativa. Hai que ter en conta tamén que tanto a provincia de Lugo como a comunidade autónoma uniprovincial de Asturias, e especialmente o Occidente asturiano, non foron dos territorios do Estado máis afectados polo Covid-19, atopándose estes dous lugares dentro da mesma fase 1 de desescalada e polo tanto cunha situación moi semellante”.
O alcalde subliñou que “Ribadeo é unha vila que vive principalmente do sector terciario e é significativo o número de veciños e de veciñas dos concellos próximos, tanto da Mariña de Lugo como do Occidente asturiano, en igual medida, que se desprazaban ata hai poucas semanas a diario ata o noso municipio para mercar nas diferentes tendas, comercios, negocios de hostalería, de alimentación e de todo tipo, e que agora sabemos, no que estamos sufrindo todos, que ten que haber unhas liñas administrativas para que a poboación non se mova demasiado en tanto non superemos esta pandemia, pero tamén sabemos que estamos nunhas condicións inmellorables para cando menos poder seguir relacionándonos entre o Occidente asturiano e a Mariña de Lugo, e singularmente Ribadeo”.
E engadiu: “de aí que todo este argumentario llo trasladamos á Subdelegación do Goberno e confiemos que nestes próximos días, atendendo ao posible cambio de escenario para unha fase 2, isto sexa xa unha realidade e non soamente o movemento entre provincias senón que cos concellos veciños, e tamén irmáns, do Occidente asturiano poidamos ter a normalidade que sempre tivemos a unha banda e a outra da ría”.