Rinlo acolleu no século XX ata tres cetarias

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
Rinlo é un pobo de orixe medieval con gran tradición pesqueira e ademais conta cunha das confrarías de pescadores máis antigas de España.
covid 19 4
19 Maio 2020

Rinlo é un pobo de orixe medieval con gran tradición pesqueira e ademais conta cunha das confrarías de pescadores máis antigas de España. As súas características paisaxísticas fan del un lugar de visita obrigada na costa mariñá pero conta tamén cun importante pasado económico.  Neste pequeno porto pertence ao Concello de Ribadeo atópanse os restos dunha cetaria natural na que se fixo alí un criadeiro de marisco, concretamente, centolo e langosta.

Nos primeiros tempos saían expedicións para cazar baleas, do mesmo xeito en que ocorría en pobos próximos, tratábase dunha actividade moi perigosa pero tamén moi lucrativa que foi decaendo no século XIX.

Así, as cetarias tomaron as rendas como principal forma de subsistencia do pobo e no ano 1904 comezou a construción da primeira natural, aproveitando as especiais caraterísticas orográficas da zona. Para a súa edificación aproveitouse a zona de costa na que había unha lingua de mar que entraba nas rochas e facía unha piscina natural. Para completar as instalacións construiuse un muro de contención e unha comporta para aproveitar as mareas.

A idea da cetaria foi dun veciño de Ortigueira que viu naquel negocio e naquela zona unha “mina” e anos máis tarde a titularidade pasou á súa filla, María Luisa Soto Romero.

Ademais da piscina, a cetaria contaba con diferentes edificios para a administración, oficinas e almacéns. Poucos anos despois entraron en funcionamento outras dúas que estiveron activos ata principios dos anos noventa, e despois as construcións foron abandonadas e os temporais non axudaron ao seu mantemento.

Trala primeira cetaria e para poder atender á grande demanda que existía, buscaron outro lugar na costa que ofrecese as mesmas características da primeira, e así naceu a segunda cetaria a so 500 metros da primeira.

Esta segunda obra xa requeriu máis esforzo xa que o lugar onde se atopaba era máis grande e o mar chegaba por dous sitios diferentes por iso houbo que pechar os espazos e fixar ata 25 columnas ao fondo para logar cubrir toda a superficie. Por iso habilitouse unha pequena lancha para a supervisión do viveiro.

Tempo despois, o mercado seguía pedindo máis marisco de Rinlo, e sobre o 1954 púxose en funcionamento a terceira cetaria que era aínda máis grande ca anterior e contaba cunha xeografía máis accidentada e estaba máis alonxada do pobo. Para ela habilitouse unha zona para a cría de máis especies. Construiuse unha bomba para manter a auga do mar sempre limpa que funcionaba as 24 horas do día.

Esta cetaria foi a última en pechar das tres e ata 15.000 unidades de langosta chegou a haber entre o segundo e o terceiro viveiro. Hoxe en día atópanse en ruinas pero seguen sendo visita obrigada dos turistas e curiosos.

Contan os veciños do lugar que nos anos dos reais, patacón e perra, as langostas de 22 centímetros valían un peso, as de 20 medio peso e as de 18, cinco reais. Despois da guerra as langostas pagábanse a 5 pesetas a unidade e poucos anos despois xa se pasou ao sistema do prezo por peso actual.

Neste pobo mariñeiro, os restaurantes cociñan nos seus fogóns os máis ricos peixes e mariscos do Cantábrico e por suposto non esquecen a súa especialidade, o arroz caldoso con bogavante.

0.28746318817139