Riotorto, A Pontenova, Mondoñedo e Taramundi impulsan a creación dunha ruta BTT

TerraChaXa
Os Concellos de Mondoñedo, Riotorto, A Pontenova e Taramundi impulsan a creación dunha ruta BTT de longo percorrido vinculada aos oficios tradicionais.
7 Xan 2020

Os Concellos de Mondoñedo, Riotorto, A Pontenova e Taramundi impulsan a creación dunha ruta BTT de longo percorrido vinculada aos oficios tradicionais. Este proxecto opta ás subvencións convocadas pola Xunta para fomentar a recuperación, accesibilidade e sinalización de recursos turísticos no medio rural.

A ruta discorrerá por catro concellos de carácter rural e de marcada natureza montañosa que destacan, ademais, polos seus oficios tradicionais e a súa vinculación coa auga; deste xeito póñense en valor os recursos naturais, paisaxísticos e etnográficos.

A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, explica: “Destaca nesta zona, pola súa relevancia, a presenza de muíños como eixes do aproveitamento dos cereais que se empregaban para a alimentación dos animais, pero tamén para facer o pan nos fornos tan tradicionais nesta zona”. O emprego da auga tamén é singular e específico deste territorio para as actividades dos ferreiros: ben sexa para a elaboración das navallas de Taramundi ou A Pontenova ou mesmo para os coitelos, fouciños e outros apeiros que se realizaban ao longo do territorio. Outros recursos existentes na zona son as covas -tamén vinculadas á actividade da auga- ou as minas e o patrimonio industrial.

Deseño das rutas

Aproveitando as pistas de terra dos catro concellos implicados, deseñarase unha ruta de longo percorrido -arredor duns 150 quilómetros con itinerario de ida e volta- indicada, principalmente, para bicicletas de montaña; aínda que tamén se prevé o seu aproveitamento para outras actividades deportivas e culturais.

O proxecto recolle tamén o deseño de distintos trazados de diferente duración, dificultade e desniveis acumulados -pero de destacado valor paisaxístico en tódolos casos- para a práctica deportiva do BTT.  Contémplanse características adaptadas aos distintos niveis. Un dos trazados recollerá unha ruta cunha dificultade máis baixa e o outro, unha máis profesional. Ademais, poranse a disposición dos visitantes vías alternativas que permitan completar a visita en trazados máis curtos que comuniquen as cabeceiras das catro vilas.

“Serán, en definitiva, uns 200 quilómetros de trazados que permitirán, ademais do desenvolvemento de rutas BTT de curto, medio e longo percorrido; outras de carácter cultural, carreiras populares, carreiras de orientación, trails de montaña, etc.”, segundo expuxo Candia.

Atractivos para os visitantes

Esta iniciativa constitúe, polo tanto, unha base para atraer cara a este territorio visitantes e deportistas vinculados ás actividades de montaña. Este proxecto ofrece unha oferta integral dirixida tamén ás familias dos deportistas ou dos visitantes e usuarios de actividades de culturais que poderán coñecer tamén este entorno e o patrimonio.

Ese proxecto marca o camiño para futuras actuacións neste mesmo eixe de traballo. Esta ruta poñerase en valor a través de actividades e recursos complementarios que contribúan a situala como un referente da actividade deportiva. A creación de recursos e servizos asociados coas actividades que se poden desenvolver ao longo do seu percorrido, contribuirá a dinamizar as economías locais.

Paneis informativos

A ruta contará con paneis informativos e códigos QR que ofrecerán información sobre os recursos existentes, especialmente os relativos aos oficios tradicionais e aos recursos naturais dos concellos.

O proxecto contempla a instalación dun panel en cada cabeceira de Concello e outro nun lugar de cada municipio de especial importancia polos seus recursos patrimoniais e o seu valor natural.

 

0.19240999221802