Riotorto acollerá este sábado a terceira proba do Trail Os Muíños

A localidade de Riotorto repetirá a ruta de trail e farano neste mes de maio. Co nome de III Trail Ruta dos Muíños celebrarase o 24 de maio con tres probas diferenciadas.
Por unha banda, terá lugar unha andaina de 11 quilómetros, que arrancará ás 16.00 horas da praza das Rodrigas, onde tamén estará a meta. Esta andaina non terá fin competitivo pero será necesaria a inscrición. Ao rematar a andaina, no campo municipal da Veiga, os participantes disporán de duchas e serán convidados a aperitivos e bebida durante a celebración da Caca da vaca.
Ás 16.30 horas sairá a proba de trail longo, de 21 quilómetros, nas categorías masculino e feminino a partir de 18 anos. Unha hora despois sairá a proba máis curta, tamén para homes e mulleres a partir da maioría de idade e de 11 quilómetros.
Haberá trofeos para os primeiros clasificados das carreiras xeral, en veteranos e en sénior.
A inscrición debe realizarse a través da páxina ccnorte.com e ten un custe agora de 18 euros para a andaina e para o trail curto e de 20 para o longo. Os participantes disporán de avituallamento de líquidos e no caso das carreiras tamén de sólido.
Está organizada pola Asociación de Veciños da Ferreira e o Concello de Riotorto. O prazo de inscrición remata este mércores, 21 de maio.