Riotorto adxudica as obras pendentes da residencia de maiores para completar a súa construción

O Concello de Riotorto deu un novo paso cara á posta en marcha da residencia de maiores coa adxudicación dos traballos necesarios para completar a obra, que quedara interrompida tras a entrada en concurso de acredores da empresa construtora inicial, Construcciones J. Naray.
O alcalde de Riotorto, Clemente Iglesias, asinou a adxudicación dos traballos á empresa Regenera Construcciones y Contratas 2022, que presentara a correspondente licenza para poder executar o proxecto baixo a fórmula coñecida como “separata de proxecto refundido”, cun orzamento total de 1,35 millóns de euros. Esta modalidade permite contratar unicamente as actuacións pendentes, incorporando as melloras xa realizadas e garantindo a continuidade da obra. Tamén pon fin a meses de xestións e tramitacións para a continuidade do proxecto.
O asunto foi aprobado na última sesión da Xunta de Goberno Local, na que tamén se autorizou o inicio inmediato da execución dos traballos. A construción da residencia está financiada parcialmente polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, a través dos fondos Next Generation da Unión Europea, mentres que o resto dos recursos proceden de fondos municipais xa consignados no orzamento.
O rexedor xa destacara a importancia deste proxecto, cualificándoo como “fundamental para o municipio”, tanto polo servizo que ofrecerá como polo impacto económico e social que suporá, xa que terá 37 prazas residenciais, xerando arredor de 20 postos de traballo estables.
