Riotorto celebra o 19 de abril a XVII Feira de Artesanía do Ferro cun amplo programa de demostracións e actividades

TerraChaXa | AMariñaXa
O pregón correrá a cargo de Luis Iglesia Besteiro, actor galego de cine, televisión e teatro natural do propio concello
feira-do-ferro-riotorto-2
14 Mar 2026

Riotorto acollerá o domingo 19 de abril unha nova edición da Feira de Artesanía do Ferro, que chega á súa décimo sétima convocatoria cun completo programa de actividades pensado para divulgar os oficios tradicionais da forxa e dinamizar a vida cultural e social do municipio. A xornada desenvolverase ao longo de todo o día con demostracións artesás, música, espectáculos e propostas para todas as idades.

A feira abrirá ás 11.00 horas coa apertura oficial do recinto feiral, onde se poderá visitar a exposición de artesanía dos ferreiros de Riotorto xunto con distintos postos de artesáns e produtos do campo. Pouco despois, ás 11.15 horas, comezarán as demostracións de oficios tradicionais, nas que o público poderá observar de preto técnicas como o cristal tallado e decorado, a olaría, a cestería, o torneado de madeira ou o pirogravado, da man de artesáns especializados procedentes de diferentes lugares.

Ás 12.00 horas terá lugar a actuación do coro de Riotorto, que dará paso ás 12.15 horas á inauguración oficial da XVII Feira de Artesanía do Ferro. O pregón correrá a cargo de Luis Iglesia Besteiro, actor galego de cine, televisión e teatro natural do propio concello.

A partir das 12.30 horas desenvolverase unha das citas máis destacadas da xornada coa demostración en vivo da artesanía do ferro. Nesta actividade participarán diferentes mestres ferreiros, entre eles artesáns de Riotorto, o ferreiro austríaco Friedrich Brasmsteidl e o ferreiro compostelán Alberto Leis, ademais de profesionais e centros especializados na interpretación e traballo da forxa, como o de Brun, Navarra, Santiago, A Fonsagrada ou Culleredo. Estas demostracións permitirán ao público descubrir o proceso tradicional de traballo do ferro, desde o quentado na forxa ata o modelado das pezas.

A programación continuará ás 12.45 horas cun obradoiro infantil de ferro pensado para achegar este oficio aos máis pequenos, acompañado da música da Charanga 555 de Lugo e da animación itinerante de Nano Rivas, que ofrecerá un espectáculo con lume e malabares.

Xa pola tarde, ás 16.30 horas, a animación volverá percorrer o recinto coa actuación da Charanga 555 e un novo espectáculo de lume. Ás 17.00 horas retomaranse as demostracións de oficios, nas que participarán novamente ferreiros e artesáns convidados, mostrando diferentes técnicas de traballo relacionadas coa forxa e a madeira.

A xornada rematará ás 19.00 horas cun espectáculo infantil no atrio da igrexa a cargo do Mago Lolo, pensado especialmente para o público familiar.

Durante todo o día haberá tamén animación musical a cargo dos gaiteiros de Riotorto e da Charanga 555, mentres que o recinto feiral permanecerá cuberto baixo carpa e contará con degustación de polbo e outros produtos gastronómicos, convertendo a feira nun punto de encontro para veciños e visitantes arredor da tradición artesanal do ferro.

CONSULTA MÁIS DATOS NESTE ENLACE

0.11832714080811