Riotorto contará este mes cun curso de iniciación ao mundo dixital

A Aula CeMIT de Riotorto acollerá entre os días 9 e 12 de decembro un curso de iniciación ao mundo dixital dirixido a persoas que desexen adquirir competencias básicas para moverse con seguridade e autonomía na contorna tecnolóxica. A formación, de carácter presencial e gratuíto, desenvolverase en horario de 16.00 a 18.00 horas na aula de informática situada na Casa da Cultura Avelino Díaz.
O obradoiro ofrecerá as claves para iniciarse na navegación por internet, a administración electrónica, a banca dixital, o uso de videollamadas e redes sociais, así como o manexo de ferramentas de texto e almacenamento na nube. Tamén se abordarán cuestións relacionadas coa privacidade, a protección de datos e o uso seguro da rede, ademais de aplicacións de saúde e ocio.
A iniciativa forma parte do programa Yoconecto.org, impulsado pola Fundación Cibervoluntarios e financiado pola Unión Europea, co obxectivo de reducir a fenda dixital e facilitar o acceso á tecnoloxía en condicións de igualdade. As persoas interesadas en participar poden contactar con Vanesa no teléfono 646 218 296 antes do 5 de decembro.