Riotorto instala un sistema de control de caudal dos depósitos de auga
O Concello de Riotorto finalizou a segunda fase de mellora da rede de abastecemento de auga. Os traballos, que acometeu Kastel Enxeñería, consistiron na instalación de 8 contadores entre o depósito de Muxueira e Aldurfe co fin de controlar o caudal de entrada e saída dos depósitos. Con esta operación cúmprense as directrices marcadas por Augas de Galicia para a mellora do sistema de abastecemento.
Esta actuación permite aumentar a eficiencia da rede e evitar desabastecemento en épocas de seca; en liña coas políticas de desenvolvemento sostible que buscan o equilibrio ambiental.
Esta segunda fase supón a continuación dunha primeira intervención na que xa se instalaron un telecontrol e contadores á saída dos depósitos de Teixeiro e Penela.
Así, o Concello de Riotorto poderá controlar o caudal de entrada e saída para detectar fugas e evitar desabastecemento en épocas de seca a través da detección precoz de fugas na rede de abastecemento que poidan ocasionar cortes na subministración; o control de caudais mínimos nocturnos para axudar na procura de fugas nos distintos sectores; o control de nivel dos depósitos para garantir a subministración de auga potable —no caso de chegar a un nivel mínimo, o telecontrol envía alertas
ao móbil—, e a lectura en tempo real da turbidez de entrada nos depósitos.
Esta instalación, subvencionada pola Xunta de Galicia, busca un equilibrio e mellor aproveitamento dos recursos da localidade, fomentando tamén o uso racional e eficiente da auga xa desde o punto de partida e distribución da mesma.