Riotorto lembra a obriga de xestionar a biomasa nas faixas secundarias de protección antes do 31 de maio

TerraChaXa | AMariñaXa
No caso de incumprimento destas obrigas, poderá incoar os correspondentes expedientes sancionadores naqueles supostos nos que resulte competente
Maleza-aldeas-Samos
22 Mar 2026

O Concello de Riotorto fixo público un bando no que lembra ás persoas propietarias, arrendatarias, usufrutuarias ou responsables de parcelas situadas nas faixas secundarias de protección a súa obriga de realizar a xestión da biomasa vexetal antes do 31 de maio de cada ano, en cumprimento da normativa vixente de prevención e defensa contra os incendios forestais en Galicia.

No documento, asinado electronicamente polo alcalde, Clemente Iglesias González, o goberno local explica que esta medida se adopta de conformidade co establecido na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, e en particular co disposto no artigo 22, referido á xestión da biomasa nas redes de faixas secundarias de protección.

O bando sinala que, de acordo coa normativa vixente, establécese unha franxa de protección de 50 metros desde o límite das edificacións ou dos núcleos rurais. Nesa área, as parcelas deberán manterse libres de biomasa vexetal que poida favorecer a propagación do lume e non poderá existir arboredo das especies piñeiro, eucalipto ou acacia.

O Concello advirte tamén de que, no caso de incumprimento destas obrigas, poderá incoar os correspondentes expedientes sancionadores naqueles supostos nos que resulte competente, sen prexuízo da posible execución subsidiaria dos traballos de limpeza, co repercusión do custo ás persoas responsables.

Desde a Alcaldía faise un chamamento á responsabilidade e á colaboración da veciñanza co obxectivo de garantir a seguridade das persoas, das vivendas e do territorio, ademais de contribuír á prevención dos incendios forestais.

Así mesmo, o Concello informa de que dispón dos planos das parcelas incluídas nas faixas de protección de 50 metros arredor dos núcleos rurais, conforme ao Plan municipal de defensa contra incendios forestais aprobado polo Pleno da corporación. As persoas interesadas poderán consultar tamén as parcelas afectadas a través do visor da Xunta de Galicia.

 

0.11328101158142