Riotorto organiza un obradoiro sobre o uso responsable da tecnoloxía en familias

TerraChaXa | AMariñaXa
A iniciativa está organizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia
curso-tecnoloxia-riotorto
1 Oct 2025

O Concello de Riotorto acollerá o vindeiro 3 de outubro un obradoiro dirixido a público adulto baixo o título Tecnoloxía, infancia e mocidade: ferramentas para familias. A actividade terá lugar na Aula Cemit da Casa da Cultura, en horario de 17:00 a 19:00 horas, con prazas limitadas e inscrición de balde.

O obxectivo do curso é ofrecer ás familias ferramentas para afrontar os riscos asociados a un uso inadecuado das novas tecnoloxías. Abordaranse aspectos como a responsabilidade e o exemplo no eido da educación dixital, o establecemento de horarios e límites, o fomento da comunicación e da presenza, así como estratexias de prevención e control mediante aplicacións de control parental máis alá do Family Link. Ademais, facilitaranse recomendacións e boas prácticas para construír un ambiente dixital saudable no fogar.

A iniciativa está organizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e o Concello de Riotorto. As persoas interesadas poden obter máis información e inscribirse a través do teléfono 646 218 296, en contacto con Vanesa.

⚙ Configurar cookies
0.097101211547852