Riotorto prepárase para celebrar a IV edición da Polavila


Riotorto acollerá o vindeiro 8 de novembro a IV Polavila, coa que se celebrará o 128 aniversario do poeta Avelino Díaz. A cita terá lugar nas Rodrigas e incluirá unha ampla programación cultural centrada na tradición e na música popular galega.
A xornada comezará ás 11:00 horas co obradoiro Fiando por Avelino, no que Teté Mareque amosará o proceso de fiado da la galega. Ás 14:00 horas está prevista a actuación do grupo de música tradicional A Chocolateira, da Pontenova.
Pola tarde, ás 17:00 horas, celebrarase unha homenaxe ás Cantareiras, coincidindo co Día das Letras Galegas 2025, cun obradoiro de cantares populares dirixido por Branca Villares. Ás 19:00 terá lugar a propia IV Polavila por Avelino, coa participación de Asubíos da Chaira, de Cospeito, e dun grupo de música e baile tradicional da Pastoriza.
A programación continuará ás 20:00 horas cun concerto organizado polo Concello de Riotorto, a cargo do grupo lucense A Volta do Agro, e rematará ás 22:00 horas coa actuación de Pan sen Fron, grupo de pandereteiras sen fronteiras.
Ademais, do 12 ao 15 de novembro o Centro Sociocultural Avelino Díaz acollerá unha exposición dedicada ás Cantareiras homenaxeadas no Día das Letras Galegas 2025. O venres 14 de novembro, no mesmo espazo, realizarase un obradoiro musical para o alumnado da Casa-Niño A Croa e do CEIP de Riotorto, tamén impartido por Branca Villares.
O evento conta coa organización da Asociación Cultural Avelino Díaz e a colaboración dos concellos de Riotorto e Meira, así como da Deputación de Lugo a través da súa área de Cultura.