Riotorto prepárase para celebrar o día 20 a Feira do Ferro

Riotorto acolle o 20 de abril a XVI Feira da Artesanía do Ferro, organizada polo Concello e a Asociación para a Promoción Social dos Ferreiros do municipio co apoio da Xunta.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou hoxe na presentación desta nova edición xunto co alcalde, Clemente Iglesias, e representantes da agrupación de ferreiros de Riotorto, artífices do evento. A Xunta colabora a través de Artesanía de Galicia.
A feira contará coa presenza de ferreiros de Riotorto, A Fonsagrada, O Corgo, Santiago de Compostela, Culleredo, Navarra e Austria, que realizarán demostracións en vivo ante os asistentes. A artesanía do ferro será a protagonista da xornada, na que tamén haberá exhibicións doutros oficios como alfarería, cestería ou torneado.
A cita inclúe actividades dirixidas ao público infantil, como un obradoiro do ferro dirixido polo ferreiro austríaco Friedrich Bramsteidl e un espectáculo de maxia a cargo de Roberto Lolo.
Tamén haberá exposicións de artesáns e produtos do campo e animación musical durante todo o día. O recinto feiral abrirá ás 11,00 horas e contará cunha carpa para albergar as actividades.
Arias destacou a singularidade desta feira, única en Galicia, “que contribúe a divulgar entre a sociedade o oficio tradicional do ferro, tan vinculado a Riotorto e á zona oriental da provincia”. Apuntou que a artesanía ten un peso específico dentro do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 que vén de aprobar a Xunta. Entre as accións que se impulsan neste ámbito figura o programa Aprender da tradición, que ofrece cursos especializados co obxectivo de recuperar e transmitir técnicas tradicionais e fomentar a remuda xeracional; ou a iniciativa Artesanía na escola, para achegar os oficios ás novas xeracións.

PROGRAMA
A xornada arrancará ás 11.00 horas coa apertura da feira, onde os ferreiros locais compartirán espazo con outros artesáns e produtores agrícolas. Ás 11.15 horas comezarán as demostracións doutros oficios tradicionais como a olería de Buño, a cestería de Lugo e o torneado de madeira de José Manuel, de Arzúa.
Ás 12.00 horas actuará o coro de Riotorto e, pouco despois, ás 12.15 horas, terá lugar a inauguración oficial da feira. O pregón será pronunciado por Benigno Fernández Salgado, profesor de filoloxía galega e fillo de ferreiro, quen destacará a relevancia desta arte tradicional.
Un dos momentos máis esperados da xornada será a demostración en vivo de artesanía do ferro, que dará comezo ás 12.30 horas. Entre os participantes estarán os Ferreiros de Riotorto: Manuel Alonso (MAF), Agustín Iglesias (FY), José Mario Cabo (JOMACA) e Óscar Villada (AV); tamén estarán presentes outros artesáns como Friedrich Brasmsteidl, un ferreiro austríaco; Alberto Leis, de Santiago de Compostela, e representantes do Centro de Interpretación da Forxa (Forjas Brun-Navarra).
Para o público infantil, ás 12.45 horas terá lugar un taller de forxa dirixido por Friedrich Brasmsteidl. Ao mesmo tempo, a Charanga El Tattoo de Ourense animará o recinto cun espectáculo musical itinerante que incluirá lume e malabares.
Pola tarde, a Charanga El Tattoo regresará ás 16.30 horas para seguir amenizando o evento. Ás 17.00 horas retomaranse as demostracións de oficios tradicionais, incluíndo exhibicións de pirogravado e torneado de madeira.
A clausura do evento será ás 19.00 horas cun espectáculo infantil a cargo de Roberto Lolo no atrio da igrexa. Durante toda a xornada, a música correrá a cargo dos Gaiteiros de Riotorto e da Charanga El Tattoo.
O evento disporá dun recinto feiral cuberto baixo carpa e contará cun servizo de degustación de polbo e outras especialidades gastronómicas típicas. A feira está organizada polo Concello de Riotorto e os Ferreiros de Riotorto, coa colaboración de Artesanía de Galicia e a Xunta de Galicia.