Riotorto presenta unha iluminación de Nadal na que destaca unha árbore de 12 metros

TerraChaXa | AMariñaXa
A montaxe, situada en distintos puntos do municipio, inclúe decoracións complementarias repartidas polas rúas
decoracion-nadal-riotorto
5 Dec 2025

O Concello de Riotorto presentou a súa iluminación especial de Nadal, que este ano ten como protagonista unha espectacular árbore de 12 metros de altura elaborado polos alumnos e profesores do IES Enrique Muruais. A iniciativa, que forma parte dun proxecto educativo e comunitario, permitiu que o alumnado participase activamente na creación dun elemento simbólico para as festas, combinando aprendizaxe práctica e colaboración cidadá.

A montaxe, situada en distintos puntos do municipio, inclúe tanto a gran árbore cónica iluminada como outras decoracións complementarias repartidas polas rúas. O Concello quixo agradecer publicamente o esforzo e dedicación de todos os estudantes, profesorado e da dirección do centro, subliñando que este tipo de propostas enriquecen a vida local e reforzan os vínculos entre institucións e comunidade.

Co acendido das luces, Riotorto dá así a benvida oficial ao Nadal, apostando por unha decoración creativa e participativa que busca dinamizar o ambiente festivo e fomentar o espírito de colaboración entre xeracións.

⚙ Configurar cookies
0.076910972595215