Riotorto repartirá máis de 6.000 euros no seu Desfile de Entroido 2026

TerraChaXa | AMariñaXa
A cita celebrarase o sábado 7 de febreiro cun amplo abano de categorías, premios económicos e un percorrido polas rúas do municipio ata o pavillón polideportivo
entroido-riotorto-2026
4 Feb 2026

O Concello de Riotorto xa quenta motores para celebrar o Desfile de Carnaval 2026, unha das citas máis destacadas do calendario festivo local, que terá lugar o sábado 7 de febreiro pola tarde. A celebración dará comezo ás 17.30 horas, coa saída desde a Casa da Cultura e un percorrido polas principais rúas do municipio que rematará no pavillón polideportivo, onde continuará a festa e se fará entrega dos premios.

A organización apostou novamente por un concurso de disfraces amplo e diverso, con categorías pensadas para fomentar a participación de persoas de todas as idades e formatos. No apartado infantil, establécense modalidades individuais, por parellas e en grupo. Na categoría individual repartiranse premios de 100, 80, 60 e 50 euros; en parellas, as contías serán de 150, 110, 80 e 50 euros; mentres que nos grupos infantís os premios ascenden a 250, 200 e 150 euros.

No caso da categoría de adultos, o certame inclúe modalidades individuais, por parellas e grupos, diferenciando entre agrupacións de entre 3 e 10 persoas e aquelas con máis de 10 integrantes. Os premios individuais serán de 150, 100 e 80 euros, mentres que nas parellas se repartirán 200, 150 e 100 euros. Nos grupos de 3 a 10 persoas, as contías alcanzan os 250, 200 e 150 euros, e nos grupos máis numerosos os premios ascenden a 350, 250 e 200 euros.

O concurso inclúe tamén categorías específicas para carrozas, charangas e comparsas, co obxectivo de recoñecer o esforzo colectivo e a posta en escena. As carrozas optarán a premios de 360 e 260 euros; as charangas recibirán 300 e 200 euros; e as comparsas contarán con catro premios de 600, 450, 250 e 150 euros.

A entrega de galardóns realizarase a partir das 23.30 horas no pavillón polideportivo. As inscricións deberán formalizarse previamente a través do correo electrónico habilitado ou de maneira presencial na Casa da Cultura antes das 17.00 horas do propio día do desfile.

A xornada completarase cunha gran verbena amenizada polo Grupo FF Fénix e o DJ Pedro Bermúdez, así como cun servizo de bar e comidas, con menús especiais para as persoas participantes. Desde o Concello de Riotorto animan á veciñanza e a visitantes a sumarse a unha celebración que combina creatividade, música e participación, consolidando o Carnaval como unha festa aberta e dinamizadora da vida social do municipio.

⚙ Configurar cookies
0.077890872955322