Riotorto será sede das terceiras xornadas Terra de Miranda dende o venres
O Centro Sociocultural Avelino Díaz acollerá os días 25 e 26 de outubro a segunda edición da III edición das Xornadas da Terra de Miranda, encontros de debate sobre o medio rural oraganizados pola Nova Escola Galega.
A convocatoria dos Encontros constitúe, globalmente, unha proposta para a análise da situación do medio rural galego na actualidade. Esta análise realízase, por unha parte, desde a óptica especialmente educativa, pero tendo en conta que o que sucede no ámbito da educación non é nada máis que o reflexo dunha realidade global moito máis complexa. Por outra, exemplifícase esta análise nunha comarca ben definida -aínda que non recoñecida administrativamente- que ten sufrido nas últimas décadas unha transformación evidente e que, ao tempo dun progresivo e evidente despoboamento, foi quen de ir vendo nacer no seu seo iniciativas que provocan que non sexa utópico enxergar no horizonte un futuro posible. Esa comarca é a Terra de Miranda.
As xornadas desenvolveranse o día 25 a partir das 16.30 horas e o sábado en horario de mañá e tarde. Na primeira xornada desenvolveranse dúas mesas redondas co título Panel de experiencias de educación en contornas rurais e Un futuro posible no rural: A Terra de Miranda Viva I.
A programación rematará o sábado coa proxección do documental A Chocolateira, sobre as minas de Vilaoudriz.
O sábado, tras unha nova mesa redonda sobre a oferta educativa na comarca, terá lugar o acto oficial de benvida coa presenza dos alcaldes da contorna. Continuarán antes do xantar con dous relatorios, Apuntamentos para a historia da edudación da Terra de Miranda e Algunhas claves para interpretar o medio rural galego do primeiro cuarto do século XXI.
Á tarde terá lugar a presentación da Rede Galega de Educación e Desenvolvemento Rural e dos seus últimos números da Revista Galega de Educación, así como da propia Asociación Cultural Avelino Díaz. Tras unha nova mesa redonda co título Un futuro posible no rural: A Terra de Miranda Viva II, farase a ruta do Ferro, con visita á forxa dun ferreiro e ao Mazo de Feiravella.
Os interesados en participar teñen ata o 22 de outubro para obter prezo reducido (5 euros para socios de NEG e doustras entidades colaboradoras, 10 euros para estudantes e parados e 15 para o resto). O prezo aumentará 5 euros a partir dese día. A inscrición pode realizarse na web de Nova Escola Galega.
Entre os obxectivos desta actividades está:
1. Analizar e explicar, situándoa no seu contexto, a realidade educativa no medio rural galego, en xeral, e na Terra de Miranda en particular.
2. Identificar, a carón desa realidade educativa analizada, as características -naturais, económicas, sociais, asociativas…- que determinan o estado actual da comarca.
3. Situar estes elementos analizados e identificados, no contexto de Galicia e na procura da concepción dunha estratexia global de desenvolvemento do medio rural.
4. Particularmente, poñer en común experiencias educativas que contribúan á planificación dunha estratexia educativa galega concibida desde e para o medio rural.
Podes consultar o programa no seguinte enlace