Roberto García deberá declarar no Xulgado de Vilalba o 29 de outubro

TerraChaXa
O presidente da Comunidade de Montes de Lousada, en Xermade, deberá declarar no Xulgado de Vilalba o vindeiro 29 de outubro en calidade de investigado para responder as acusacións de irregularidades detectadas na contabilidade por unha auditoría realizada no pasado mes de febreiro.
25 Jun 2019

O presidente da Comunidade de Montes de Lousada, en Xermade, deberá declarar no Xulgado de Vilalba o vindeiro 29 de outubro en calidade de investigado para responder as acusacións de irregularidades detectadas na contabilidade por unha auditoría realizada no pasado mes de febreiro.

O Xulgado da capital chairega citou a Roberto García como investigado logo da denuncia presentada por un grupo de comuneiros contra a Xunta Directiva que preside por un suposto delito de administración desleal, tipificado no artigo 252 do Código Penal, na xestión dos montes veciñais en man común da parroquia.

A denuncia, que foi ratificada nos Xulgados de Vilalba, deriva das irregularidades detectadas na contabilidade da Comunidade nunha auditoría externa encargada por un grupo de comuneiros. Este informe pericial independente desvelou no pasado mes de febreiro defectos graves no funcionamento da Comunidade e falta de información e ocultismo na documentación facilitada aos socios.

A raíz da presentación da denuncia, o Xulgado requeriu ao presidente da Comunidade para que presentase unha serie de documentación en sede xudicial, que reflicte a existencia de dúas contas bancarias cun saldo de 68.000 euros que non figuran na contabilidade oficial da Comunidade de Montes entregada aos comuneiros.

"Esta falta de transparencia na xestión da CMVMC de Lousada, motivo da denuncia presentada no Xulgado, volveu quedar de manifesto o domingo 23 de xuño, na Xunta Xeral Ordinaria da Comunidade de Montes. Entre os puntos a tratar que figuraban na orde do día da convocatoria da reunión estaba a rendición de contas do ano 2018. Sen embargo, como ven sendo práctica habitual, non foron facilitados aos comuneiros os extractos bancarios cos movimentos efectuados pola Xunta Directiva nas contas a nome da Comunidade", explica o denunciante.

Resposta ás declaracións efectuadas por Roberto García

Alfonso Fernández Pena, o veciño que encabeza a denuncia presentada en nome do grupo de comuneiros críticos coa xestión da actual Xunta Directiva, quixo tamén responder ás declaracións efectuadas polo presidente da Comunidade, que é tamén alcalde de Xermade. Fernández Pena negou que se trate de algo persoal contra Roberto García. "Simplemente se busca que haxa un bo funcionamento da Comunidade de Montes, transparente e beneficioso para a parroquia e o conxunto dos comuneiros", asegurou.

Do mesmo xeito rexeitou calquera tipo de vinculación política en relación ao conflito que se vive no seo da Comunidade de Montes. De feito, explicou, "a denuncia foi presentada no Xulgado de Vilalba o pasado mes de abril e decidimos non facela pública nese momento porque ía haber eleccións municipais e non queriamos prexudicar ao presidente da Comunidade, que tamén se presentaba a alcalde".

Por iso, Fernández Pena pediu a Roberto García "que non trate de enganar aos veciños con falsedades" e reiterou que "o único motivo da denuncia é sair en defensa dos intereses da propia Comunidade de Montes e da parroquia de Lousada e velar polos dereitos dos 70 comuneiros afectados, dado que non se está a levar a cabo desde fai anos unha xestión responsable, rigurosa e leal dos montes da parroquia, que contan con ingresos importantes tanto das 700 hectáreas de plantacións de piñeiro e eucalipto como do parque eólico existente, uns recursos que non están a reverter na parroquia nin nos veciños", insistiu.

O suposto delito penal denunciado contra o patrimonio e de carácter societario, con penas que irían entre os 6 meses e os tres anos de prisión, recaería sobre a totalidade da Xunta Directiva actual, presidida por Roberto García, e os restantes seis membros da xunta rectora escollida na Asemblea Xeral Extraordinaria celebrada o 5 de maio de 2018.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17662000656128