Rodríguez Bastida achegaba a Vilalba a medicina deportiva
Éxito da xornada sobre medicina deportiva organizada por Biciclistas Galegos na Casa da Cultura de Vilalba da man do médico Xoán Manuel Rodríguez Bastida, especialista en Medicina e Fisioloxía do deporte e médico de equipos ciclistas profesionais coma o Xacobeo Galicia, Euskaltel, Relax Fuenlabrada, entre outros.
Rodríguez Bastida, que leva actualmente numerosos deportistas de élite así coma as seleccións galegas de fútbol, fixo un repaso -en case dúas horas de ponencia-, polas principais características do adestramento deportivo tanto na elite como a nivel afeccionado. Nutrición, lesións, recomendacións prácticas, hidratación, etc foron algún dos temas tratados na xornada. Tamén incluíu anécdotas de carreiras como o Tour de Francia, Giro, etc.
Esta actividade enmárcase dentro dunha programación de monográficos relacionados co deporte en xeral e o ciclismo en particular que a Asociación Cultural e Deportiva Biciclistas Galegos vai levar a cabo nos vindeiros meses.