Román Rodríguez destaca o investimento en centros de ensino da comarca de Meira

TerraChaXa
O conselleiro de Educación visita o Colexio Plurilingüe Poeta Avelino Díaz para comprobar o resultado das obras de rehabilitación integral
roman-rodriguez-colexio-meira
6 Dec 2025

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, comprobou hoxe o resultado das obras de rehabilitación integral que se están a acometer no Colexio Plurilingüe Poeta Avelino Díaz. “Esta reforma reafirma o compromiso da Xunta co ensino no rural no marco do Plan de nova arquitectura pedagóxica”, dixo o conselleiro.

Neste sentido, lembrou que, ao abeiro deste plan, o Goberno galego está a investir máis de 1,5 M€ nos centros de ensino da comarca de Meira, con intervencións de maior ou menor envergadura en todos os centros deste concello, así como de Pol e Riotorto. Entre elas destaca tamén a rehabilitación do CEIP de Riotorto, que contou cun investimento de preto de 520.000€

A intervención no CEIP Plurilingüe Poeta Avelino Díaz, cun importe de máis de 900.000€, centrouse na mellora da eficiencia enerxética do colexio. “Con este tipo de intervencións acadamos centros educativos máis respectuosos co medio ambiente, ao tempo que melloramos o confort diario de toda a comunidade educativa”, explicou o conselleiro, sinalando que estes son obxectivos prioritarios da folla de ruta do Goberno galego para a modernización das instalacións educativas ás novas necesidades do século XXI.

A obra no centro meirego incluíu a renovación integral da envolvente do edificio, coa substitución dos 1.360m² da cuberta por panel sándwich, o illamento térmico dos 1.161 m² de fachada e o cambio de 92 ventás, 11 portas e 305 luminarias, e reformáronse 1.260 m² de falsos teitos. A maiores, repintáronse as zonas afectadas e mudáronse 109 metros lineais de canlóns e 66 de baixantes. O aforro previsto en consumo de enerxía primaria non renovable é do 61% e do 67% en emisións de dióxido de carbono.

⚙ Configurar cookies
0.084157943725586