Román Rodríguez visita o colexio Veleiro-Docampo, onde se licitou a reforma do pavillón

LugoXa | TerraChaXa
O conselleiro explicou que a Xunta impulsa 60 obras por preto de 8 millóns de euros en centros educativos da provincia
visita-veleiro-docampo
8 Jul 2025

A Xunta de Galicia está a acometer este ano 60 actuacións en centros educativos de Lugo cun investimento total de 7,8. millones de euros, segundo avanzou o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, nunha visita ao Colexio Veleiro-Docampo, en Castro de Rei, onde o seu departamento vén de licitar a reforma do pavillón por case medio millón de euros.

Na visita, o titular de Educación explicou que nesta provincia se avanza na execución de 13 grandes intervencións (que inclúen ampliacións de colexios e institutos e rehabilitacións integrais) e, a maiores, como todos os anos, aproveitase o período estival para intensificar outras 47 melloras de menor tamaño de pequenas reparacións.

Así pois, no apartado de grandes obras, que xa están en execución e que continuarán ao longo dos vindeiros meses, a Xunta impulsa trece que suman máis de 7,1 millóns de euros. Delas, cómpre destacar catro actuacións cun importe de case 4,3M€, como é a rehabilitación integral do Instituto Lucus Augusti (que absorbe un investimento de 3,3 millóns de euros), a rehabilitación integral do Colexio Plurilingüe Poeta Avelino Díaz en Meira (874.000 euros) e a substitución de carpintarías e luminarias no Colexio Terra Chá de Vilalba (preto de 200.000). Así mesmo, tamén se vai levar a cabo por vía de urxencia a reparación da cuberta do CEIP As Mercedes de Lugo, cuxo investimento se está concretando.

No que atinxe a obras de pequena envergadura, pero “moi necesarias para o funcionamento do día a día dos centros”, segundo puntualizou o conselleiro, no marco do Plan de benestar e accesibilidade na escola (Plan BEN_Estar 2025), avaliando onte polo Consello, nesta provincia concentraranse ao longo todo o verán un total 47 actuacións por un importe de máis de 705.000 euros, que se reparten en colexios e institutos de 29 concellos da provincia.

Neste apartado englóbanse actuacións como reparacións varias, traballos de pintura, pequenas reformas da instalación eléctrica, de fontanería, saneamento e baños ou calefacción. Tamén melloras en patios, cambios puntuais de fiestras, portas ou lucernarios, renovación de equipamento de cociña ou adaptación de espazos, entre outros.

Eficiencia enerxética do pavillón do Veleiro-Docampo

Na visita ao Veleiro-Docampo, o conselleiro avanzou que a obra licitada hoxe por 490.000 euros ten como obxectivo principal mellorar as condicións de salubridade e de eficiencia enerxética do edificio. Segundo explicou, a intervención, que se levará a cabo en varias fases, está previsto que arranque en outubro, e conta cun prazo de seis meses de execución, polo que esta primeira parte estaría concluída en abril do vindeiro ano.

Nesta primeira fase reducirase a altura do peche perimetral do pavillón, que será substituído por un cerramento de fachada con panel sándwich. Ademais, procederase ao illamento da fachada con material Sate, á substitución dos 1.026m² da cuberta e das correas que hai entre os pórticos.

⚙ Configurar cookies
0.18042993545532