Román Rodríguez visita o novo Centro Autorizado de Música Profesional da Terra Chá, en Begonte
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, destacou hoxe o éxito da unión de forzas entre Xunta e concellos para crear o Centro Autorizado de Música Profesional Terra Chá. Fíxoo nunha visita ao centro, que se sitúa nas antigas instalacións do Colexio de Baamonde, na que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez.
O titular do departamento educativo do Goberno galego salientou que a autorización deste centro “supuxo a primeira oportunidade para que moitos afeccionados e rapaces poidan continuar os seus estudos de música nas ensinanzas regradas no seu concello”. “Esta decisión amplía a oferta educativa destes concellos e dos próximos, ao tempo que se garante a continuidade das ensinanzas xa existentes no CEIP Plurilingüe Virxe do Corpiño”, afirmou.
Para iso aproveitáronse as instalacións do antigo Colexio de Baamonde (Begonte) e sumáronse as forzas de varios departamentos da Xunta (Axencia Turismo de Galicia e das antigas consellerías de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e de Cultura, Educación e Universidade) e do Concello de Begonte para habilitar as novas instalacións, cun investimento total de máis de 1 millón de euros.
Ensinanzas profesionais de Música
O Centro Autorizado de Música Profesional Terra Chá xurdiu da vontade das Escolas Mancomunadas de Música de Rábade, Begonte, Outeiro de Rei e Friol de dar unha opción aos seus usuarios de seguir avanzando na súa formación, que corre a cargo da Asociación Músico Crisanto. Neste momento imparte as Ensinanzas Profesionais de Música, cunha duración de seis cursos, nas especialidades de Piano, Saxofón, Trombón e Frauta travesa..
A maiores, as Escolas Mancomunadas de Música continúan impartindo as súas clases en diferentes localizacións dos catro concellos, seguindo o espírito do servizo mancomunado. En concreto ofrécese formación de Música e Movemento, Musical English, Linguaxe Musical, Análise, Harmonía Moderna, dos instrumentos que compoñen unha banda de música (vento madeira, vento metal e percusión), de corda, música tradicional galega ou canto, entre moitas outras. Contan co apoio da Xunta a través das axudas a escolas de música municipais.