Rosa Morán: "As obras do colexio Virxe do Monte vanse realizar con dous meses de retraso e cos alumnos nas aulas"

TerraChaXa
A voceira socialista de Cospeito, Rosa Morán, criticou os constantes anuncios realizados polo PP, en relación ao inicio das obras no colexio Virxe do Monte, xa que agora vai iniciarse en outubro, con dous meses de retraso.
23 sep 2017

A voceira socialista de Cospeito, Rosa Morán, criticou os constantes anuncios realizados polo PP, en relación ao inicio das obras no colexio Virxe do Monte, xa que agora vai iniciarse en outubro, con dous meses de retraso. Denuncia ademais que as obras vanse realizar cos alumnos dentro, cando xa tiñan que estar rematadas. Anuncia que preguntará no vindeiro pleno polas medidas de seguridade.

A voceira advirte que o pasado 9 de setembro, o Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, anunciou nos medios que se executaran obras en 65 colexios da provincia de Lugo, e entre eles daba por executada a inversión de 422.567 euros no colexio de Cospeito.

Moran amosa a súa sorpresa ante este anuncio do Conselleiro “calquera pode comprobar vindo hoxe mesmo ao centro, que aquí non se fixo nada de nada”. Ademais lembra que no mes de marzo, nunha xuntanza sobre este asunto con Jose Manuel Balseiro e o Alcalde de Cospeito, explicaron que as obras se executarían durante as vacacións de verán, e que terían unha previsión de execución de dous meses”. E segundo avanzaron os propios populares, as obras consistirían en recubrimento de fachada cun sistema de aislante térmico exterior, cambiar portas e fiestras exteriores, pintar o interior e substituír luminarias por luces led.

“Por todo isto sorpréndenos que todo un Conselleiro de Educación poida dar por feitas tan alegremente unhas obras que nin sequera se iniciaron; por iso preguntámonos se era que non estaba informado de que non se fixeran, o cal nos parece grave, ou se mentiu incluso sabendo que non se fixeran”, advertiu.

Así as cousas, Rosa Morán reclama ao Conselleiro “que pida publicamente desculpas a todos os veciños e veciñas de Cospeito, e rectifique as súas declaracións, recoñecendo que as obras do Colexio Virxe do Monte nin sequera se iniciaron”, afirmou.

Dende o PSdeG-PSOE de Cospeito criticamos esta actitude “xa que nos parece unha falta de respecto, tanto aos nenos, aos país, aos mestres, así como a todo o persoal do Colexio Virxe do Monte. Todos sabemos que colexio quedou preparado no remate do curso pasado, contando tal e como se tiña anunciado, que as obras se executarían durante o verán, pero a sorpresa foi cando o iniciar o novo curso todo estaba igual que o tiñan deixado dous meses atrás”, resumiu.

A voceira socialista denuncia tamén “que ata anuncio realizado esta mesma semana nos medios de comunicación, non se sabía cando se ían iniciar as obras. E ademais o que é mais grave, vanse executar cos nenos no colexio, o cal nos preocupa, non só pola perigosidade que isto supón, senón tamén polo que poden entorpecer as clases polos ruídos que conlevan ditas obras”.

Por último lembra que o Grupo Parlamentario Socialista rexistrou unhas preguntas no Parlamento de Galicia, para coñecer o procedemento e execución destas obras.

0.19185090065002